A Deputación de Pontevedra manterá todas as axudas e subvencións aos festivais de cinema da provincia, segundo confirmou hoxe a presidenta Carmela Silva ás organizacións dos eventos e aos concellos nos que se desenvolven, a fin “de apoiar unha vez máis á cultura, ao cinema que tanto pulo dá a esta provincia, e a saír reforzados e reforzadas socialmente desta crise”
Na reunión telemática, na que se confirmou que todos os festivais aprazarán a súa celebración ao último cuadrimestre do ano, tamén se avanzou na creación “dunha marca propia de calidade” que integre a todos os festivais, que será escollida de forma consensuada, e que terá unha presentación oficial despois da cita electoral de xullo. Unha marca propia permitirá que o cinema poida entrar noutros circuítos de promoción da provincia, amais do cultural, como é o turístico xa que, como dixo Carmela Silva, “elo entronca directamente co modelo de turismo cultural e sostible cara a Axenda 2030 que defendemos na institución”. Amais, a Deputación poñerá en marcha unha potente campaña, tanto online c0mo offline, na que tamén se mercará un lote de entradas para sorteos entre o público que sirva como acicate na súa difusión
Asemesmo, ante a incerteza dos protocolos sanitarios que terán que aplicarse en función da evolución do Covid19, Deputación e Festivais estudiarán a posibilidade de elaborar un modelo único para todos os eventos que permitiría harmonizar a súa posta en marcha e difundir unha marca de seguridade cara ao público. Da mesma forma, a presidenta provincial comprometeuse a facilitar á organización dos eventos “todo o material do que dispoñamos, tanto de sinalización, de deseño de espazos e incluso de protección como os dispositivos móbeis de control de temperatura, amais da formación necesaria para usalos”.
Polo demais, manteranse todas as axudas que os festivais teñen de prazo para solicitar ata o 13 de xuño, unha vez que se restablezan os procedementos administrativos o próximo 1 de xuño, e flexibilizaranse as condicións para a xustificación de gastos, se posibilitará a adaptación das memorias e poderá realizarse un anticipo de ata o 50% da axuda. Serán gastos xustificables aqueles debidos á excepcionalidade da situación; os xa realizados para o evento aprazado dentro deste ano; os derivados da consecución de garantías sanitarias e os derivados de campañas de promoción atemporal enmarcadas no relanzamento dos festivais cara a 2021. Incluso se está a estudiar algunha medida de apoio para o caso de suspensión dalgún festival, aínda que se se están a facer os esforzos necesarios para que non se cancele ningún.
Na videoconferencia coa presidenta da Deputación participaron as promotoras dos festivais Play Doc de Tui, FIC Bueu, Festival de Cans do Porriño, Curtas Armandiña de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cine Inclusivo, Freaky Film e Primavera do Cine, os tres de Vigo, e Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa. Tamén asistiron representantes dos concellos de Pontevedra, Vigo, Bueu, Poio, O Porriño, Tui e Vilagarcía.