O Festival de Cans bota a andar este mércores ‘Cans Expandido’, un formato inédito que servirá para levar as trece curtametraxes que participaron nas sección de ficción e animación da competición oficial do certame, celebrado a pasada semana, a nove salas de cine de toda Galicia.
O proxecto ten por obxectivo incrementar a visibilidade das obras ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid. Os filmes chegarán a 8 cineclubes de toda Galicia e máis á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña.
As proxeccións comezarán o día 9 nos cineclubes de Cangas, o Lumière de Vigo (de 20.00 a 21.30 horas) e o CineClube Adega de Vilagarcía de Arousa. O día 10 chegan á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña e máis ao CineClube Groucho Marx do Barco de Valdeorras. O día 11 de setembro ao CineClube Os Papeiros de Chantada e por último, o día 12, ás salas dos cineclubes Val Miñor AG de Nigrán, ao Padre Feijoo de Ourense e ao CineClube do Carballiño.
Cada unha das proxeccións terá un prezo de 4 euros e a suma total da billeteira destinarase ao Premio FECIGA, que irá parar á curtametraxe elixida por un xurado formado por membros dos cineclubes de Galicia. Este galardón non estaba inicialmente previsto nas bases e facilita xerar un apoio económico adicional para o equipo que desenvolveu o filme vencedor.
‘Cans Expandido’ tamén contempla a difusión en liña e mediante pago por visión na web do certame entre os días 13 e 17 de setembro.
Curtametraxes participantes
Entre as películas que se proxectarán están ‘Xoves de comades’, de Noemí Chantada, a gran vencedora do Festival de Cans con catro galardóns e ‘16 de decembro’, de Álvaro Gago, que obtivo dous premios.
Neste formato, o público tamén poderá ver ‘Todo el mundo se parece de lejos’, de Rafa de los Arcos e que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a mellor interpretación feminina; ‘Mentres iso pasa’, dirixida por Nacho Ozores na que o traballo de Denís Gómez foi recoñecido coma a mellor interpretación masculina; a curtametraxe ‘Conte Trencat’, de Miguel Gago, que lle valeu a Mario Cortizo o premio á Mellor Banda Sonora.
Os afeccionados á animación poderán desfrutar ‘El Gran Corelli’, de Abel Carbajal, que levou o premio nesa categoría en Cans. Competía con ‘Realty’, de David Fidalgo Omil, e coa cinta ‘Season’, da realizadora italiana afincada na Coruña Giovanna Lopalco.
Completan o cartel ‘Mare’, de Guille Vázque, un traballo de corte experimental; a película ‘Blacks or Whites’, de Anita Pico; a cinta ‘¿Papá, por qué quitas la música?’, de Ariadna Cordal; a curtametraxe ‘Baladas de Amor e Morte’, da dúas veces finalista en Cans Iria Ares; a animación ‘Hijos del cuerdo’ de Borja Santomé, que xa fora gañador do Premio do Xurado na categoría de animación.