Coa inauguración da rúa efémera Chano Piñeiro comeza ás 10.30 horas deste mércores a primeira xornada da décimo sétima edición do Festival de Cans. O certame estará este ano marcado pola redución de aforo e as esixentes medidas de prevención para garantir a seguridade dos veciños, o público, e o equipo do evento.
Entre a mañá deste mércores, 2 de setembro, e a noite do vindeiro sábado, día 6, pasarán por Cans 25 curtametraxes e 15 videoclips a concurso. Ademais, proxectaranse tres longametraxes e haberá coloquios e encontros con profesionais do sector audiovisual e do cinema coma Óliver Laxe, Paula Cons ou a actriz revelación do último ano, a galega Benedicta Sánchez.
Na inauguración da rúa efémera Chano Piñeiro participarán a actriz Uxía Blanco, quen lle deu vida na pantalla á inmortal Xonxa, e a viúva de Chano, Mari Luz Montes.
Logo, ás 11.00 horas, celebrarse no Baixo de Carlos o coloquio ‘Chano Piñeiro, descubridor de actrices e actores’. Participan Uxía Blanco, Mari Luz Montes e Miquel Insua, quen protagonizara a Birutas en ‘Sempre Xonxa’. A participación de Insua será por videoconferencia. Evítase deste xeito o seu desprazamento na política de redución total de viaxes posta en marcha polo festival entre as súas medidas de prevención de riscos asociados á Covid-19. O coloquio estará moderado pola xornalista e guionista Ana Cermeño. O aforo é moi reducido: só poderán acceder 25 persoas que tiveron que inscribirse nos últimos a través da páxina web do certame.
Despois do coloquio proxectarase o filme de Chano Piñeiro ‘Mamasunción’, nun pase antecedido pola intervención de Pedro Sancho, quen desenvolveu un proxecto académico de investigación titulado ‘Chano Piñeiro. Do guión literario á imaxe audiovisual. O proceso de creación e produción da súa obra audiovisual a través da curtametraxe Mamasunción’. Sancho prepara un libro sobre a película a partir deste traballo.
Inmediatamente despois –ás 12.30 horas, tamén no Baixo de Carlos- chega a clase maxistral ‘Subtitulado e accesibilidade’. Nela, o profesor Pablo Romero-Fresco e o cineasta Alfonso Zarauza ofrecerán novas lecturas sobre o proceso do subtitulado. Farano a partir do caso da última cinta de Zarauza, ‘Ons’. O equipo da película planificou o subtitulado cando deseñou a rodaxe. Zarauza contará a experiencia. O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, actúa coma moderador.
Novas Camadas e Noite dos Veciños
Na tarde comeza a sección oficial do festival, a competición entre as curtametraxes. E empeza polos autores e autoras máis novas, os que participan na sección Novas Camadas, que este ano por primeira vez outorga o Premio Deleite. Ás 16.30 horas, representantes das curtas a concurso en Novas Camadas participarán nun encontro público no Parque do Río. Unha hora despois -17.30 horas-, exhíbense as cinco películas a concurso. Dúas delas son estreas absolutas.
Coa descuberta do traxe do Can -20.00 horas, rotonda do Can-, arranca o primeiro serán do Festival de Cans 2020. Precederá á colocación da distinción, no Muro do Chimpíns, coa que o Festival de Cans homenaxea este ano á veciña e enfermeira Merchi Sánchez -20.30 horas-. Con esta distinción, ponse en valor o traballo de Sánchez, quen ideou a creación, hai xa 8 anos, do servizo médico do festival. Traballa coma voluntaria nun equipo que ela organiza e coordina cada ano sen aforrar esforzos nin compromiso.
A homenaxe dará paso a unha das actividades desta edición do certame máis esperadas na aldea: a Noite dos Veciños coa presentación do documental ‘A Canteira de Cans’. Será na Leira do Río a partir das 21.00 horas.
Coordinado por Juanma Lodo, do proxecto Cans 303, o documental recupera a memoria da canteira de Cans, un lugar esquecido do que non queda máis que un buraco no monte na zona coñecida como ‘A Pedreira’. Nel participan veciños e veciñas que contan o que recordan, o que saben, ou o que viviron, da antiga instalación.
Tras a exhibición do documental presentarase o xurado das veciñas e os veciños e comezará a actuación do grupo AcordeCans. O Espazo Estrella Galicia da Leira do Río incorpórase dende este ano ao certame. Dada a súa extensión, permitirá reunir ata a 300 persoas ao aire libre mantendo as necesarias medidas de seguridade. Todas as persoas deberán levar máscara todo o tempo e deberán desinfectar as súas mans na entrada. Ademais, só poden entrar as persoas que previamente se rexistraron.