Por quinto ano consecutivo, a nave do Galician Freaky Film Festival aterra en Vigo para ofrecer o mellor do cinema galego e mundial. O certame leva catro anos crecendo e consolidándose na cidade cunha oferta de terror, serie B, películas de culto, parodia e humor. Unha morea de ingredientes que o público valora a través dun ‘aplausómetro’.
A primeira parada producirase o Auditorio do Concello, este mércores 29 de setembro (19.00 horas). O acto de inauguración consistirá na proxección e musicalización en directo de ‘Häxan’ ou ‘A bruxería a través dos tempos’, un filme danés do director Benjamin Christensen que neste ano cumpre 99 anos desde a súa estrea. Deste xeito, a organización repite a experiencia do ano pasado con ‘A carreta pantasma’. Nesta ocasión, trátase doutra obra clave da historia do cinema, revolucionaria por mesturar o documental coa ficción, á que se lle engade o compoñente de gozar en directo dunha peza composta por e para a ocasión. A atmosfera na que nos somerxerá un ano máis Caspervek Ensemble permitiranos experimentala como os nosos antepasados hai un século. As entradas están á venda na billeteira do festival.
Caspervek escribiu a banda sonora para este clásico do cinema mudo como un encargo do Museo Nacional de Arte de Estonia no ano 2015. Con motivo do Galician Freaky Film Festival o grupo realizou unha revisión da banda sonora orixinal, neste caso para un quinteto formado por frauta, clarinete, saxofón, percusión e piano. Para esta ocasión Caspervek Ensemble estará composto por Brais González ao piano e Blas Castañer á percusión, compoñentes habituais que estarán acompañados por Laura Lorenzo (frauta), Tonio Comesaña (clarinete) e Andrea González (saxofón).
‘A bruxería a través dos tempos’ é un filme estreado en 1922, do director danés Benjamin Christensen dividido en sete partes, cada unha das cales narra unha historia diferente, nun percorrido pola historia da bruxería e o culto ao demo desde a Idade Media ata os modernos anos 20. O cineasta vincula a persecución da bruxería coa represión masculina do desexo feminino e constrúe unha obra marcadamente anticlerical que escandalizou e foi prohibida en moitos países. A mestura de documental e ficción, e a liberdade coa que se mostra un amplo repertorio de imaxinería sexual, violenta e sacrílega, moi infrecuente para a época, converten o filme nun produto anómalo, e polo tanto nun claro xerme do fenómeno de cine de culto.
Catro días de cinema freak
Tras o acto de inauguración, a acción trasladarase á Sala New Videodrome (Joaquín Loriga, 9), onde o mesmo mércores proxectarase Evil Dead, a primeira parte da icónica saga de terror homenaxeada no cartel do GFFF deste ano.
A programación continuará ata a tarde do sábado 2 de outubro. Na grella deste ano atopamos 11 bloques de curtametraxes, a proxección de Evil Dead II, presentacións de libros e audiovisuais, unha mesa cadrada sobre mulleres na industria freak e outra sobre festivais híbridos. Catro días para revivir o espírito freak dos vigueses.