A estrea do filme ‘A illa das mentiras’, antes de que a súa distribución chegue ás salas de cinema, servirá para abrir a XVII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 2 ao 5 de setembro. A agardada longametraxe da debutante Paula Cons comparte ademais protagonismo este ano coa homenaxe a Chano Piñeiro e a súa figura, que o festival prepara para conmemorar o vixésimo quinto aniversario do seu pasamento. Á figura do creador de clásicos do audiovisual galego coma ‘Mamasunción’ ou ‘Sempre Xonxa’ dedicáselle o cartel do certame deste ano, a través da figura icónica do seu personaxe, Caladiño.
Parte da programación da XVII edición do Festival de Cans presentouse este martes en Compostela. Nesta edición, a seguridade é o primeiro obxectivo do evento, que reducirá considerablemente o seu aforo e eliminará os concertos nocturnos, para adaptarse ás medidas de seguridade
‘A illa das mentiras’ acaba de recibir esta semana unha extraordinaria noticia, ao confirmarse a súa participación no Festival de Shanghai, un certame considerado de Clase A e un dos más importantes do mundo. Este recoñecemento supón un gran aval para o filme, uns días antes da súa chegada á plataforma de pago Filmin, na última semana de xullo.
A película recupera a historia do naufraxio do vapor Santa Isabel, en 1921, con centos de emigrantes con destino a Bos Aires abordo, fronte á Illa de Sálvora. Cons, que asina tamén o sólido guión da película, creou a partir desta historia un filme cunha trama abafante, que vai envolvendo a todas as persoas que habitan a illa e levando ós seus personaxes ata o limite.
O filme ten un reparto coral, onde as mulleres da illa, interpretadas por Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca, levan o peso da trama. Outros dos protagonistas do filme son Dario Grandinetti e Aítor Luna, ademais dun nutrido elenco de actrices e actores galegos. Unha gran parte deste elenco estará presente en Cans, no acto de apertura do festival previsto para o xoves 3 de Setembro no Salón do Circulo Recreativo Cultural. Nesta ocasión, seguindo as restritivas normas de aforo, só 120 persoas poderán acceder á sala, á través dunha preinscrición previa que o certame anunciará uns días antes do pase.
Para o director de Cans, Alfonso Pato, é “unha honra abrir o festival cunha persoa tan querida para nós coma Paula Cons. O pasado ano xa nos avanzou as imaxes da súa película na Nosa sección ‘Fillxs de Cans’. Tivemos fe cega na película e nas súas posibilidades desde o primeiro visionado”.
Paula Cons foi contundente: “Non se me ocorre mellor sitio para facer esta presentación que Cans, porque vai ser a primeira vez que esta película se vexa no seu fogar natural que é unha pantalla grande, así que vai ser unha presentación cargadísima de emoción, de electricidade”. Cons, que asegura que ao equipo da película “faille tanta ilusión levar a película a Shanghai coma ao Festival de Cans”. Por iso, aclarou, “tanto dende o equipo de ‘A illa das mentiras’ coma dende o festival fixemos un esforzo moi grande para poder presentar aquí, en pantalla grande, esta película tan fondamente galega”.
A actriz Victoria Teijeiro, unha das protagonistas da película incidiu durante a presentación en que ‘A illa das mentiras’, malia contar unha historia acontecida en 1920 «é moi actual, unha historia de mulleres, e de xente que tiña que amigrar para traballar, que sufriu un naufraxio…».