A XXXI Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, continúa este mércores con dúas proxeccións: ‘Rumbo al pasado’ e ‘Historia de un pecio’, dirixidas por Daniel Aldaya.
Na primeira delas o realizador pretende advertir sobre a sobre-explotación pesqueira que decimou as poboacións de quenllas en todo o mundo e, polo tanto, unha ameaza para manter en orde os ecosistemas mariños, así como especies especialmente en perigo como o tiburón martelo. O segundo documental trata sobre un dos pecios mellor conservados do mundo. Trátase do ‘Umbría’, afundido polo seu capitán no momento en que Italia entra na Segunda Guerra Mundial por temor a que o seu cargamento caese en mans británicas. O ‘Umbría’ atópase desde 1940 no Mar Vermello, en Sudán.
Nesta xornada o invitado, como non podía ser doutro xeito, é Daniel Aldaya (Granada, 1972), experimentado realizador de imaxe submarina, que explicará polo miúdo a súa experiencia na confección dos dous documentais.
Todas as sesións terán lugar ás 20.00 horas no teatro Afundación e a entrada é de balde ata completar aforamento. O ciclo, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, serve como faro anual para a concienciación e a preservación dos nosos mares, así como para alcanzar o obxectivo 14 da Axenda 2030, de conservar os océanos, os mares e os recursos mariños de xeito sostible.