Auga Seca, un thriller de seis capítulos en torno ao mundo do tráfico de armas, rodado en Vigo y Lisboa, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal. Logo da súa estrea mundial na última edición do MIPCOM de Cannes o pasado outubro tivo unha gran acollida da audiencia en RTP e TVG. Así a serie, creada por Alfonso Blanco e protagonizada por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñibles todos os seus episodios para os susbscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril.
A serie foi rodada orixinalmente en galego e en portugués, baixo a premisa do realismo e a naturalidade, que fai que as personaxes de cada un dos dous lados da fronteira falen na súa lingua. Tamén Auga Seca é a primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés. Tamén coa incorporación ao catálogo de HBO España e Portugal, Auga Seca avanza na súa difusión internacional e proxecta a imaxe de Vigo.
Unha trama en torno ao tráfico de armas
Auga Seca é un drama policial situado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, no que Teresa -a actriz portuguesa Victoria Guerra- vese envolta nunha trama na que nada é o que parece. Guerra traballa a carón dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.
Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.
Portocabo obtivo recentemente para Auga Seca unha das axudas da Unión Europea á produción televisiva mediante o programa Europa Creativa – MEDIA. Súmase á axuda recibida da Xunta de Galicia a través de AGADIC. A produtora con sede na Coruña continúa deste xeito a súa liña de ficción internacional logo da exitosa e multipremiada Hierro.
Auga Seca, unha serie de Portocabo
Creada por: Alfonso Blanco
Dirección: Toño López
Producción executiva: Alfonso Blanco (Portocabo), José Amaral (Sp-i)
Xénero: Crime, Drama
Episodios: 6
Duración: 50 minutos
Estrea: 17 de xaneiro de 2020 (RTP1), 7 de febreiro de 2020 (TVG), 1 de abril de 2020 (HBO)