A XX edición do Festival de Cans baixou o pano esta noite co acto de entrega de premios nas distintas categorías competitivas do certame. O gran gañador deste edición foi o realizador Angel Santos (Marín, 1976), que obtivo catro dos premios principais: Mellor curtametraxe de Ficción, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Protagonista Feminina coa curta «Alicia fai cousas». Trátase dun triunfo histórico en Cans xa que ninguén ata o de agora conseguira gañar en catro categorías tan importantes coa mesma curtametraxe.
«Alicia fai cousas» conta a historia dunha moza de 25 anos á quen se lle meteu na cabeza que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa. O guión premiado é do propio Ángel Santos e de Pablo García Canda e o premio á mellor actriz foi para a súa protagonista, Alicia Armenteros.
Angel Santos é un cineasta cunha longa traxectoria que xa presentou en Cans en 2015 a longametraxe «Las altas presiones» e que na pasada edición do certame obtivo o premio ao Mellor Guión por «Así vendrá la noche». O xurado (composto por Santi Prego, Isabel Ruíz Lara, Carla Subirana, Alberte Branco e Nerea Barros) xustificou o galardón á Mellor Curta de Non Ficción a «Alicia fai cousas» pola determinación amosada para ir á contra da linguaxe dominante.
O resto de premios na categoría de Ficción/Animación foron para Eduardo Rodríguez Cuña «Tatán» (Mellor Actor por «O coidado»), Mario G. Cortizo (Mellor BSO por «O neno sardiña») e Paula Quiroga (Mellor Fotografía por «Ulises»). Ademais, o xurado fixo dúas mencións especiais, unha para o director Félix Brines polos seu traballo en «Ulises» e outra para os guionistas Lorena Ares e Carlos Fernández por «Amanece la noche más larga».
Seccións Furacáns e Novas Camadas
Na sección Furacáns, dedicada ás curtametraxes de non ficción, o premio foi para a curta «Mariví, na pel da memoria», das irmás Coral e Laura Piñeiro, que conta a historia da correspondencia entre dúas persoas que naceron na mesma vila. Unha delas é Mariví, a filla dun alcalde republicano que tivo que exiliarse con 14 anos por culpa do golpe franquista. O xurado tamén fixo unha mención especial á «Ningún Deus», opera prima de Miriam Opazo Ojea.
No que se refire á sección Novas Camadas, na que competiron os realizadores menores de 25 anos, o premio foi para «Despois de ti», da realizadora Paula Pereira. É unha curtametraxe rodada nas Illas Cies dentro do concurso de curtas «Desafío Illas Cíes».
O festival pecha esta noite a edición do seu 20 aniversario cun balance moi positivo pola gran afluencia de público rexistrada e o bo ambiente que marcou o desenvolvemento do certame, que por primeira vez estendeu a súa programación durante cinco días e contou con máis de 25 actuacións musicais, ademais das distintas proxeccións das seccións competitivas e non competitivas e múltiples actividades paralelas (coloquios, roteiros, visitas de colexios, etc).
Directores como a franco-armenia Valérie Massadian e o galego Enrique Otero e destacados actores como María Vázquez, Luis Zahera, Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, Diego Anido ou Tamar Novas estiveron presentes nesta edición aniversario do evento.