A localidade portuguesa de Caminha acollerá este venres a primeira das proxeccións do ciclo internacional «Cans Itinerante», que o Festival de Cans impulsa para dar a coñecer as curtas premiadas na última edición do certame.
Este ciclo de proxeccións, que busca promover a nivel internacional o cinema galego e as novas e novos creadores, tamén pasará ao longo deste ano e principios de 2025 por grandes cidades europeas como Lisboa, Barcelona, París, Madrid ou Bruxelas.
O fermoso espazo do Teatro Valadares de Caminha será a primeira parada deste percorrido internacional, e terá lugar este venres 6 de Setembro ás 21,45 horas portuguesas, con acceso gratuíto ata completar o aforo. A sesión, que está organizada polo Cine Clube Locus Cinemae dentro do ciclo «Cinema + Perto», ten o apoio da Câmara Municipal de Caminha. A proxección contará coa presenza dos cineastas Pablo Dopazo e Borja Santomé, que se desprazarán ata Caminha para manter un encontro co público, acompañados de Alfonso Pato, director do Festival de Cans.
Dopazo estará conversando sobre a súa curta «O Frío», que obtivo tres premios en Cans: Mellor curtametraxe, mellor dirección e mellor interpretación masculina para o seu protagonista José María Sanjurjo. Esta curta, que transita entre o documental e a ficción amosando unha relación distante entre un pai e un fillo no contexto xélido da industria dos conxelados, xa fora seleccionada anteriormente na competición de curtametraxes do Festival de Málaga.
Pola súa parte, Borja Santomé, é un dos animadores galegos con máis proxección. Na última edición gañou por segunda vez a categoría de animación coa obra «Alguén me chamou serpe negra», unha curta cun singular proceso de animación, marcado pola formación artística do autor e o seu camiño desde as artes plásticas. «Alguén me chamou serpe negra» xa leva tido seleccións e numerosos festivais internacionais en países como Estados Unidos, Holanda, Francia, Alemaña ou Uruguai. Este verán ven de recibir o premio Filmin Oblicua no Festival Mecal de Barcelona.
Ademais destas dúas curtas, a sesión completarase con «Betas» de Senín Porto, un achegamento ao bullying a través dunha mirada humorística pero crítica, que levou o Premio do Público na última edición, e co documental «Vinte en Cans», de Xavi Sobrado, un retrato sobre a idiosincrasia do Festival de Cans, achegando ao espectador a este certame onde se produce unha comuñón máxica entre veciños, actores, directores e o público que acode cada ano.
Tralo paso por Caminha, «Cans Itinerante» pasará en Outono por Lisboa, Madrid e Barcelona, e a comezo de 2025 por Bruxelas e pola prestixiosa Université Sorbonne-Paris 8. Todo o listado completo de días e espazos publicarase nas vindeiras semanas.
Crear un circuíto no Norte de Portugal
Esta proxección de Caminha enmárcase nun contexto máis amplo de crear un circuíto de exhibición no Norte de Portugal, como un xeito de achegar ao público as curtametraxes premiadas no Festival de Cans, pero ao mesmo tempo abrir unha vía de visibilidade para os filmes de novas e novos creadores. Por agora, ademais do Teatro Valadares de Caminha, o Festival de Cans mantén un acordo co Cine Teatro João Verde de Monção, e está en conversas con outras localidades e aberto a propostas de calquera vila ou cidade portuguesa.