No evento poderanse ver varias curtametraxes que, ademais de gañar en Cans, están a ter un gran percorrido internacional. Unha delas será ‘Matria’, de Álvaro Gago, que fixo historia gañando o prestixioso Festival de Sundance, e que marcou tamén un fito histórico na última edición do Festival de Cans, ao acadar catro premios, algo que ningunha outra curta acadara desde que nacera o festival. ‘Matria’ levou o Premio do Xurado, o Premio do Público, o Premio das Veciñas e Veciños de Cans e o Premio á Mellor Interpretación Feminina, co extraordinario traballo da súa protagonista Francisca Iglesias.
En Caminha tamén se poderá gozar de ‘Europa’, do cineasta redondelano Hugo Amoedo, que este ano inaugurou o palmarés na nova categoría de non-ficción chamada ‘Furacáns’, levando o premio do xurado, e a curta ‘El Reloj’ de Borja Santomé, que levou o premio do xurado na categoría de animación, co seu singular traballo.
Como introdución ás curtas, proxectarase o documental ‘Catorce Cans’, dirixido por Isaura Docampo, que reflicte ó espírito da penúltima edición do festival. A duración total da sesión será duns 75 minutos, e tamén haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, que estará presente en Caminha, xa que coincide que todos os directores premiados se atopan neste momento traballando en diversos países fóra de España.
Esta é a primeira das diversas proxeccións que o certame galego fará este ano, para darlle visibilidade ás curtametraxes premiadas. Ademais desta sesión en Portugal, estanse preparando eventos en cidades como Lisboa, París, Madrid e diversas localidades galegas.
Cans quere dedicar esta primeira incursión á memoria do actor Ernesto Chao, falecido estes días, e que foi recoñecido co Premio Pedigree de Honor no ano 2010, deixando a súa pegada na súa estrela no Torreiro de Cans. Por este motivo, antes da proxección realizarase unha pequena semblanza de Ernesto Chao, a xeito de pequena homenaxe.