Así, no Instituto Camões, a partir das 19.30 horas terá lugar a proxección do primeiro bloque de curtas lusófonas compostas por catro obras: ‘California’, unha obra de Nuno Baltazar que narra a loita dunha nai e a súa filla chinesa por conseguir unha vida mellor en Portugal e ‘Tudo o que imagino’ de Leonor Noivo, un filme rodado por actores non profesionais e ambientado no barrio de Alcoitão que mostra o fin da adolescencia desde o punto de vista de André, un mozo cheo de ilusións e quen ten coma obxectivo unha vida libre e sen ataduras.
Este primeiro bloque completarase tamén con ‘Madness’ de João Viana, unha cinta estreada na Berlinale de 2018 que reflexiona sobre o colonialismo e como pode chegar a converterse nunha enfermidade mental e ‘Narrativas de um crime’ de Alison Zago, gañadora á mellor curtametraxe e ao mellor director no Curta Sao Thomé en Brasil e galardoada cunha mención especial do xurado no no Short of the Year de España 2019. A obra de Alison Zago aborda a historia de Constantin, un detective da policía que soña con ser escritor e Paulo, un policía con problemas de ira que acaba de regresar despois dun período de suspensión. Ambos terán que traballar xuntos nunha escena dun crime e colaborar, pese aos seus conflitos persoais.
Ademais, durante todas as xornadas de proxeccións no Camões, os asistentes poderán gozar duns petiscos doces e salgados cortesía do Instituto Camões e dun albariño Carallán, xentileza de Adegas Terrae, un dos patrocinadores do festival.
As entradas ao bloque de curtas pódese adquirir no Instituto Camões desde media hora antes do comezo das proxeccións e ten un custo de 3 euros. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.