O Festival de Cans, cuxa decimo sétima edición estaba prevista para esta semana e foi trasladada do 2 ao 5 de setembro, continúa traballando para ter todo a punto nas novas datas do festival. Unha das seccións máis participativas que promove a organización, o obradoiro Cans 303 de guión e edición, segue en marcha e as alumnas e alumnos traballarán este ano no documental ‘A Canteira de Cans’, dirixidos polo realizador Juanma Lodo.
Como en edicións anteriores, este curso pretende rescatar cada ano un anaco da memoria da aldea, para así indagar nalgúns momentos da súa historia, recoller a memoria das persoas de maior idade e promover a recuperación dun arquivo de fotografía, vídeo e mesmo sonoro que axude a reconstruír a memoria da aldea.
O pasado ano o proxecto dedicouse a rescatar a memoria da agrupación musical Os Catro Ventos e hai dous a reconstruír a historia da lembrada mestra Dona Sara Quintairos, que impartiu clases en Cans durante case tres décadas.
Nesta ocasión, as alumnas e alumnos inscritos no curso recrearán nun documental a historia da Canteira de Cans, ubicada no barrio da Pedreira, e que foi entre os anos 50 e 60 do pasado século o gran epicentro da vida económica e mesmo social da aldea.
Na Canteira da Pedreira chegaron a traballar cerca de vinte persoas nos seus mellores tempos. Eran homes da propia aldea, pero tamén chegados de aldeas dos arredores, e mesmo doutras provincias, como é o caso dunha nutrida representación procedente da parroquia de Laias, no concello ourensán de Cenlle, de onde procedía un dos encargados. Moitos destes homes, mesmo coas súas familias, hospedábanse e vivían en negocios de Cans que naquel momento eran tamén fondas, como o Bar Fortes ou Casa Boente, emerxendo unha vida social inédita ata ese momento na aldea.
Rodaxe do documental na pasada edición do obradoriro
Por este motivo, o Festival de Cans fai un chamamento para que se poña en contacto co festival calquera persoa de Cans, de Laias ou doutro lugar que traballara na canteira e poida achegar información ou documentos fotográficos.
O proxecto Cans 303 comezara a desenvolverse de xeito presencial a primeiros de marzo, pero a crise de coronavirus obrigou a cancelar as clases. Con todo, as alumnas e alumnos inscritos, a maioría da propia aldea, e de idades que van desde os 17 ata os 60 anos, seguiron traballando a distancia seguindo as instrucións diarias do realizador Juanma Lodo, e avanzando en cuestións técnicas e de realización.
A partir de principios de xuño, as clases volverán retomarse presencialmente todos os sábados pola mañá na sede do Festival de Cans para continuar con este labor que se presentará no marco do certame no vindeiro mes de setembro, e que sempre constitúe un dos momentos máis emotivos do mesmo.
Por motivos de aforo e seguindo as normas marcadas de distanciamento social, o festival acollerá nesta edición un máximo dez alumnas e alumnos. Agora mesmo aínda restan dúas prazas para persoas que queiran incorporarse, mesmo doutros concellos ou aldeas cercanas.
Tanto para aportar documentación e información sobre a canteira de Cans como para inscribirse no curso é preciso enviar un correo electrónico a festivaldecans@festivaldecans.com ou unha mensaxe privada nas redes sociais do Festival de Cans.