Ademais disto e da súa ampla traxectoria, o Festival entregaralle este galardón a Carlos Blanco pola súa labor como cidadán crítico e persoa comprometida coa sociedade.
Así mesmo, a organización decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata ‘Premio Pepe Puime’, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao certame e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz e presentadora Neves Rodríguez, que acude ano tras ano ao festival e o dá a coñecer sempre que ten ocasión, e aos veciños Paz Acuña e Rafa González, propietarios da casa que acolle a todos os convidados no seu Día Grande e un dos nosos anfitrións máis imprescindibles. A casa de Paz e Rafa é cada ano o punto de partida da nosa procesión de chimpíns e, ademais, teñen no seu garaxe un pequeno museo con fotografías da historia do festival.
Como novidade, o Festival de Cans crea este ano un novo galardón para recoñecer o traballo de profesionais da comunicación destacados pola súa contribución dando a coñecer o traballo do festival. Este Chimpín de Prata levará o nome da nosa veciña Divina Campos, pintora, pandereteira, narradora oral e entusiasta do festival falecida este ano aos 86 anos.
O certame quere recoñecer con este Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’ o traballo da xornalista Pilar Comesaña, unha das grandes referencias da información de cine en Galicia ao adicarse durante máis de tres décadas ao xornalismo cultural. Para o Festival de Cans, Pilar simboliza o traballo serio e comprometido con creadoras e creadores, sobre todo cos máis novos que están comezando, sempre cun traballo moi rigoroso dende detrás das cámaras.
Todos eles recollerán o seu premio durante a celebración do Festival, que terá lugar do 22 ao 25 de maio. Farano concretamente na ‘Noite das Homenaxes’ que se celebrará o venres 24 no Torreiro de Cans, nun acto que rematará coa colocación de estrela de Carlos Blanco. Deste xeito o actor compartirá espazo no célebre ‘Torreiro das Estrelas’ xunto a personalidades do audiovisual galego como: Antón Reixa, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Javier Gutiérrez, Luis Tosar, María Pujalte ou Chelo Loureiro.