Caspervek, formación viguesa dedicada a poñer música a pezas clásicas de cine mudo, presenta este próximo sábado día 12 o derradeiro concerto do seu ciclo de Cine Mudo de Verán, que tivo lugar durante o período estival no xardín botánico vigués Fundación Sales. O ciclo vén de esgotar as entradas nas súas dúas primeiras representacións.
Desta volta, o grupo interpretará a súa partitura orixinal composta para ‘Tabú’, obra póstuma do célebre director alemán F. W. Murnau, no que narra unha historia de amor e vinganza na Polinesia Francesa. O filme, moi novidoso na súa época, contou cun elenco formado exclusivamente por nativos. Por iso, a banda sonora que propón Caspervek integra instrumentos de percusión étnica para achegar ao espectador ós Mares do Sur.
Esta velada contará coa participación especial de dous solistas invitados: Fran Troncoso (percusión) e Tonio Comesaña (clarinete), que se unen aos xa habituais membros da agrupación: Brais González (composición e piano), Blas Castañer (percusión) e á violinista Erea Carbajales.