Este venres, ás 17.30 horas no Teatro Municipal, terá lugar a primeira proxección da sección competitiva desta XVI edición do festival Play-Doc. A película elixida é ‘Suzanne Daveau’ (2019, Portugal), da realizadora Luísa Homen, e que tivo a súa estrea na pasada edición do festival DocLisboa. A película esboza o retrato doutra muller excepcional, a apaixonante vida da xeógrafa Suzanne Daveau. A través dos seus recordos viaxamos por numerosos territorios e diversos contextos desde o inicio do século XX ata o tempo presente.
Ás 21.00 horas comezará a actividade, ‘Cinema Percorridos’, na que vídeo artistas galegos encherán de imaxes en movemento o centro histórico da cidade de Tui. Unha ruta cinematográfica en grupo pola zona monumental de Tui. O percorrido comezará coa proposta de Roi Fernández que escolle a Igrexa de Santo Domingo para montar unha instalación audiovisual na que reflexiona sobre as pegadas que imos deixando no camiño. Desde alí, o grupo dirixirase ó lavadoiro de La Marina, situado xunto ao río, en onde a artista visual Miriam Rodríguez evocará, a través de sons e proxeccións sobre a auga da súa pila, a vida dos lavadoiros como punto de encontro para as mulleres que alí acudían. A experiencia continuará na Praza de Frómista onde a artista, escenógrafa e iluminadora Laura Iturralde propón unha experiencia audiovisual de gran formato onde multitude de ollos seguirán ao espectador a idea deses «policías de balcón» que xurdiron durante o confinamento. A última parada do itinerario será o antigo cárcere de Tui, que acollerá duas videoinstalacións, a da artista visual Bego M. Santiago cuxa obra xira ao redor dos retratos familiares de diferentes xeracións dunha familia. E por último, será a quenda de Adrián Canoura, que converterá o patio interior do antigo cárcere nun faiado multimedia, onde xogará coas imaxes dunha metraxe fílmico antigo mesturándoo coas tendencias audiovisuais contemporáneas.
Mentres tanto, as proxeccións continúan no Teatro Municipal, ás 21.00 horas, poderase ver por primeira vez en exclusiva unha das súas primeiras coleccións de cinema doméstico dixitalizadas polo museo MOCA. Trátase de películas rodadas nos anos 60, 70 e 80, por Carlos Dagá, veciño de Tui que ademais de filmar a vida dos seus familiares e amigos, tamén rexistrou co seu cámara Súper8 acontecementos da vida tudense. Como a inauguración do Casino en 1975, o desfile de ‘majorettes’ durante as festas de San Telmo no ano 73, ou imaxes inéditas do escultor Juan Oliveira traballando no seu taller.
Ás 22.30 horas, terá lugar a segunda proxección da sección competitiva, trátase da película Las Poetas Visitan a Juana Bignozzi (2019, Arxentina) de Laura Citarella e Mercedes Halfon, estreada internacionalmente en IFFR (Festival Internacional Róterdam) e galardoada no Festival Internacional de Cinema do Mar de Prata. Unha película que nos descobre a obra da xenial poeta Juana Bignozzi, autora de marabillosos, provocadores e desgarradores poemas.