O Galician Freaky Film Festival comezou a súa primeira xornada coa musicalización en directo de ‘A carreta pantasma’ da man de Caspervek. Unha cita á que asistiu Ana Mejías, deputada provincial de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial e concelleira de Vigo da área I+D e Dinamización Administrativa.
Así, pouco antes de dar comezo a actuación, Juan de Castro agradeceu o apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, que levan anos confiando no festival. De feito, este ano creouse Rías Baixas Film Fest, unha marca da Deputación de Pontevedra que integra a un total de nove festivais, entre os que se encontra o Galician Freaky Film Festival, e que ten como fin axudalos e impulsalos. Ademais, Mejías, confesouse unha gran amante da cultura e o cinema e afirmou que “a Covid rematará, pero a cultura seguirá”.
Agora, para a segunda xornada, destaca, dunha banda, a gravación en directo do podcast Anónimo IV, conducido por Brais González e Erea Carbajales e que conta con Nani García, Manuel Riveiro e Conrado Xalabarder coma invitados e doutra, diversos bloques de curtas: Ciencia Ficción, Humor Freak Vol. I e Co Cu Torcido Vol. I, así como a obra ‘Nimic’, de Yorgos Lanthimos.
Deste xeito, os asistentes poderán gozar dunha boa escolma de traballos chegados dende todas as partes do mundo (Canadá, Polonia, Alemaña, Suíza, Chequia…) e de proxectarse en diferentes festivais, coma Sundance, Clermont-Ferrand, Venecia o Sitges.
Ademais, debido ao reducido aforo da Sala Overlook, no Hotel Bahía de Vigo, e o estrito protocolo para cumprir coa normativa vixente, tamén existe a posibilidade de ver a sección oficial a través de Internet, na plataforma Festhome, estando dispoñible ata o 8 de novembro.
O segundo día do festival arrincará ás 15.00 horas coa gravación en directo de Anónimo IV, podcast sobre musicoloxía e investigación musical conducido por Brais González e Erea Carbajales.
Neste programa debateranse e analizaranse diversos aspectos da música no cinema, especialmente no eido fantástico e de terror. Ademais tamén haberá espazo para afondar, entre outros, no fenómeno fan das BSO ou incluso na música nos videoxogos, sen dúbida, unha nova forma de expresión musical para os compositores.
Coma invitados estarán Conrado Xalabarder, Nani García e Manuel Riveiro. Así, Xalabarder é o creador da maior web de bandas sonoras do mundo. Nani García é compositor, músico, arreglista e produtor musical cunha longa traxectoria en diversos formatos do medio audiovisual. Ademais, e autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, curtas, obras de teatro e programas de TV. Doutra banda, Manuel Riveiro é un músico e compositor que leva preto de vinte anos compoñendo tanto para cine coma para televisión. Neste eido ten composto bandas sonoras como ‘El final del camino’ ou ‘La unidad’. Para a gran pantalla ten participado tanto en películas nacionais como ‘El desconocido’ ou ‘La sombra de la ley’, dirixidas por Dani de la Torre, e nas películas de terror norteamericanas ‘The Green Inferno’ ou ‘Knock Knock’, de Eli Roth.
Humor freak
Xa ás 17.00 horas comezará a sesión Humor Freak Vol.I no que se proxectarán un total de seis curtas coma a polaca ‘Rain’ de Piotr Milczarek gañadora do premio Jean-Luc Xiberras para opera prima do Annecy 2019 e seleccionada en múltiples festivais (Chicago IFF 2019, Warsaw IFF 2019, Tallin Black Nights FF 2019…) ou ‘Iguales’, de Irlanda Tambasco Waine no que Carmencita terá unha manicura que de segures non esquecerá xamais.
O resto de curtas son ‘El tratamiento’ de Álvaro Carmona, ‘Pumpers Paradise’ de Eddy Hohf, ‘Polter’ de Álvaro Vicario, ‘First Action Hero’ de Jan Haluza,
Ciencia ficción
Despois, ás 18.30 horas, poderase ver o bloque Ciencia Ficción no que destaca especialmente a galega Onde dormen as gaivotas de Dani Cornes, que nos transporta a un mundo non moi afastado e a un arquipélago remoto. O traballo alzouse tanto co Premio Novas Camadas Deleite do Festival de Cans coma co Premio do Xurado no Desafío Audiovisual Illas Cíes.
Ademais, encóntranse obras tan interesantes coma ‘Je l’aime alors je la quitte’ de Ilan Zerrouki, ‘R&R (Rêve et Realité)’ de Tony Chaslas, ‘The Lonely Orbit’ de Frederic Siegel e Benjamin Morard, ‘Limbo Fungos’ de Alexis Menard e ‘400 Mph’ de P. Dannaud, J. Chaix, L. Deserre, A. Lefort, N. Pianeti e Q. Tireloq.
‘Nimic’ e a sesión co cú torcido Vol. I
Para rematar, a partir das 20.00 chegará ‘Nimic’, curtametraxe dirixida polo aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma ‘Langosta’ ou ‘La favorita’, esta última nomeada ao Óscar ao mellor director en 2019.
A obra, que será estrea en Galicia e que non está na sección oficial, ven de proxectarse en Locarno e Melbourne e narra a historia dun violonchelista profesional e coma un encontro cunha estraña no metro terá unha serie de consecuencias inesperadas na súa vida.
Xa en Co Cu Torcido Vol. I poderanse ver 6 abraiantes traballos audiovisuais nos que a sinopse non lle fai xustiza a obra e que deixarán sen palabras a máis de un.
Así, destacan ‘Bad hair’ de Oskar Lehemaa, no que un home calvo e un tanto inseguro decídese a probar un líquido para facer medrar o pelo… con desastrosas consecuencias ou a galega Matar o rato, de Isaac Rivadulla, onde se narra a historia de dous homes que espertan nunha habitación baleira, cun teléfono coma única conexión co exterior.
Completan o bloque Pitch Black ‘Panacea’ de Tom Hardiman, ‘Human nature’ de Sverre Fredriksen, ‘Sonrisas’ de Javier Chavanel, ‘Je finirai en prison’ de Alexandre Dostie.