Coa colaboración de Play Doc TV:, proxectaranse dúas mediometraxes do director polaco Marcel Lozinski, documentalista. Trátase de «Anything can happen» (1995), de 39 minutos, e «So it doesn’t hurt» (1998), de 46 minutos.
«Anything can happen» («Calquera cousa Pode Pasar», «Wszystko moze sie przytrafic» no orixinal). Lozinski presenta ao seu fillo de seis anos Tomaszek e ás persoas anciás que pasan o seu tempo nos bancos dun parque de Varsovia. Montado no seu patinete, Tomaszek interroga a estas persoas, facéndolles preguntas que, malia ser básicas, son contestadas agarimosamente polos seus interlocutores. As ideas do rapaz acerca do futuro e da vida son enfrontadas coas daqueles que están no tramo final das súas vidas. Isto converte un simple paseo polo parque nunha viaxe a través da vida das persoas
«So it doesn´t hurt» («Así que non Fai dano», «Zeby nie bolalo» no orixinal). Segunda parte do documental “Wizyta”, rodado vintecatro anos despois. “Wizyta” narraba a vida de Urszula Flis, a muller que levaba unha granxa ela soa nunha vila rural da Polonia dos anos setenta. Flis representaba un ideal emancipatorio adiantado ao seu tempo: á súa soidade escollida voluntariamente engadía a participación activa na vida cultural da súa comarca e o feito de manter correspondencia coa intelectualidade da súa época. O foto-reporteiro Erazm Ciolek e a xornalista Agnieszka Kublik da “Gazeta Wyborcza” voltan a visitar a Urszula Flis. O filme vai facer referencia á primeira visita, enfocada na interferencia dos medios de comunicación na vida de Flis, así como ás tentativas da propaganda do rexime comunista polaco para manipulala. O documental remata sendo un filme sobre unha vida vivida nunha soidade escollida e acerca dos límites da interferencia dos directores de documentais na vida dos seus protagonistas. A propia Flis establece tal límite dicindo “non deixes que te faga dano”.
Play Doc TV é unha plataforma televisiva netamente galega nacida do Festival Play Doc de Tui que ofrece unha coidadísima selección de documentais de todo tipo e procedencia. A colaboración de Emerxencias con Play Doc TV achega á nosa programación dúas obras do director polaco Marcel Lozinski, un dos cineastas máis importantes da súa xeración xunto a Krzysztof Kieslowski. A filmografía de Lozinski destaca por unha maneira planificada e provocadora de intervir na realidade, algo que borra a liña divisoria entre documental e ficción, buscando atopar algún elemento catalizador que axude ou acelere o proceso de extracción da verdade sobre as persoas ou as situacións.