Jairo Zavala, ‘Depedro’, achegaralle ao público de Cans a súa música en formato acústico interpretando un repertorio que incluirá temas clave dos seus catro discos de estudo, pero especialmente do último, ‘El pasajero’, un traballo que crea a súa propia linguaxe sonora e literaria, con sons dunha beleza absolutamente emocionante e transformadora.
Antes do concerto, ás 18.30 horas, proxectarase no Baixo de Bugarín o documental ‘Casamance, la banda sonora de un viaje’, da directora Paloma Zapata, coa que haberá un coloquio posterior no que a cineasta estará acompañada por Depedro, que comparte o protagonismo da longametraxe xunto co xornalista de Radio 3 Ángel Carmona.
Nela nárrase como Jairo Zavala decide viaxar a Senegal tralos pasos de Lamine Konté, un músico que marcou a súa infancia a través da música que a súa nai escoitaba na cociña da casa.
As entradas para ver a cinta poranse á venda a partir deste xoves na tenda online do Festival de Cans. A tirada será 125 entradas a un prezo de 5 euros, podendo mercar un máximo de 3 por persoa. Todo aquel que se faga con elas terá automaticamente unha pulseira gratuíta para asistir tamén á actuación posterior.
Os interesados en asistir soamente ao concerto poderán retirar a súa pulseira de xeito gratuíto o mesmo venres a partir das 19.30 horas no posto de merchandising do festival. Entregaranse as 375 pulseiras dispoñibles por orde presencial ata fin de existencias e sen admitirse reservas, como é habitual neste concerto da tarde-noite do venres no festival.
‘Showcooking’ de Lucía Freitas
A cociñeira Lucía Freitas, do restaurante compostelano A Tafona, unha das poucas mulleres cociñeiras que forman parte do prestixioso Grupo Nove e tamén unha das máis relevantes da gastronomía galega actual, ofrecerá un ‘showcooking’ o xoves 24 de maio na Praza do Concello do Porriño combinando a súa experiencia ante os fogóns coas propostas innovadoras dun novo talento da nosa gastronomía.
Nesta exhibición culinaria, a cociñeira preparará unha selección de ‘Tapas de Cinema’ que os asistentes terán a oportunidade de degustar, e nas que integrará a gastronomía co sétimo arte, elemento central do Festival de Cans.
Perfílase deste xeito o día da Noite Gía dos videoclips como unha proposta de ocio para todos os públicos, cunha tarde-noite cunha chea de variadas actividades que a organización fará públicas nas próximas semanas.