O xurado do Festival Primavera do Cine de Vigo, conformado pola actriz e dramaturga Lola Correa, o cineasta Gon Caride e o director do cineclube Sunset Boulevard Alexandre Escariz, decidiu outorgar o premio á mellor longametraxe a «Devolvendo o golpe», do marinense Carlos Prado Pampín. O galardón premia a «súa calidade e a súa calidez á hora de contar esta historia en formato documental, pola historia en sí, cruel e tenra na mesma medida, que mostra que, con perseveranza e afán de superación os soños se poden cumprir». O premio do público, o máis importante galardón deste festival, recaíu tamén na historia de superación do boxeador galego Aarón The Thunde.
A clausura do festival tivo lugar este domingo día 12 e contou coa presenza de varios dos premiados, así como da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a directora de Cultura, Paula Cabaleiro, e a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias. O premio do público á mellor curtametraxe galega recaíu en «Silvio Rodríguez. Mi primera tarea», unha curta producida pola galega Ana Laura Pereira (fundadora deste festival) coa que a súa directora Catherine Murphy amosa con multitude de imaxes de arquivo o proceso de alfabetización cubano, un proceso tan importante como descoñecido por estes lares.
Por outra banda, o galego Xosé Zapata e o italiano afincado en Lisboa Lorenzo Degl’Innocenti recibiron o premio do xurado á mellor curta lusófona por «The monkey» unha produción animada portuguesa que chega a Galicia tras un longo percorrido festivaleiro. A longametraxe da lusofonía que recibiu o premio do xurado foi «Campo», de Tiago Hespanha, por construír unha obra novidosa, íntima e tremendamente persoal.
A última encomenda do xurado foi outorgar o premio CREA á mellor dirección, que recolleu o cineasta vigués Fon Cortizo polo seu traballo en «9 Fugas». Gon Caride xustificou a decisión remitindo á orixinalidade do filme, pola aposta no cambio da estrutura narrativa e no proceso de creación fílmica. Por crear, a través da improvisación, unha viaxe sensorial na que nos transportou a unha Galicia evocadora e chea de interrogantes, deixando da man do espectador a interpretación deste filme tan arriscado como único.
O videoclip premiado polo público nesta edicón foi «Veleno», de Baiuca, unha peza dirixida por Adrián Canoura que aúna tradición e modernidade. Unha das novidades deste ano foi a inclusión dunha sección de curtas infantís, valorada por un xurado de seu. Antón e Verona, de 9 e 6 anos respectivamente, subiron ao escenario do Auditorio do Concello para conceder o premio a «Cartas de Superman», unha curtametraxe de animación intimista e persoal realizada por David Fidalgo Omil.