A Praza Elíptica converteuse entre o 27 e o 30 de setembro en Neo-Vigo grazas á celebración do Galician Freaky Film Festival, o certame internacional de cinema freak e fantástico de Galicia. Esta sétima edición estivo dedicada ao anime xaponés e a animación e os organizadores destacan o crecemento tanto do número de asistentes como das actividades ofertadas con respecto aos pasados anos.
Durante os catro días que durou o festival, o Galician Freaky Film Festival deleitou ao público con oito bloques de curtametraxes, máis de nove horas de material para gozar do máis esperpéntico da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo; rir, pasar medo e quedar “co cu torcido”. As curtametraxes competiron por catro premios do xurado e dous do público e que se resolveron o sábado pola tarde logo da proxección do último bloque.
O xurado estivo composto por tres profesionais do mundo audiovisual. Javier S. Donate, crítico madrileño experto en terror, ciencia ficción e apocalipses, autor do portal de xénero Terror Weekend; Khris Cembe, animador e director gañador dun premio Goya en 2017 e membro da Academia Española das Artes e das Ciencias Cinematográficas; e Marina Anna Eich-Rosales, actriz e produtora alemá.
A programación tamén incluíu a proxección do anime ‘Akira’, con máis de 250 butacas vendidas; dúas exposicións de ilustradores galegos; presentación de libros, proxectos audiovisuais e escolas de cómic e a conferencia do animador Rafillo, autor da webserie Querida Conchi. Ademais, durante o venres e o sábado, instalouse no centro da Praza Elíptica a I Feira Fantástica e Freak de Galicia, que atraeu a centos de persoas amantes da arte manga.
Palmarés
O xurado resolveu outorgar o Gran Premio GFFF á curta máis freak á curtametraxe estona ‘Dog-Apartment’, de Priit Tender, valorando que “non ten medo de mostrar un pesadelo kafkiano repleto de imaxes chocantes, mesturando poesía, estrañeza e unha chea de tabaco”. Na mesma categoría, o xurado fixo unha mención especial á curta dos Países Baixos ‘Gnomes’, de Ruwan Heggelman.
O Premio Ben Dito, ao mellor guión outorgado polo xurado foi para ‘Cut’, peza de terror surcoreana dirixida por Son Min-zun, que tamén recibiu o favor do público O xurado considerou que “utiliza a metalinguaxe para meter ao espectador na mente dun asasino”. A mención especial nesta categoría foi para a húngara Amok, de Balázs Turai.
O Premio Neuronas Fritidas á curta máis turbia, concedido polo xurado foi para ‘Pipes’, suíza dirixida por Jessica Meier, Kilian Feusi e Sujanth Ravichandran, curtametraxe con moito humor capaz de narrar a viaxe iniciático dun adorable osiño, onde o desexo únese ao medo para ofrecer un imparable carrusel de imaxinación, látex e lubricante”. Tamén o xurado elixiu ao gañador do Premio CREA, apoiado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para ‘Histoire Pour 2 Trompettes’, unha alegoría intimista da directora francesa Amandine Meyer. De novo, outorgaron unha mención especial, neste caso a Tank Fairy, traballo taiwanés cheo de purpurina protagonizado por unha repartidora de butano transexual.
Por outra banda, o público puido puntuar cada curta ao final de cada bloque, decidindo cos seus votos tres premios. O Premio Olimpo dos Freaks foi para ‘The ballad of Maddog Quinn’, un western distópico chegado desde Nova Zelandia e dirixido por Matt Inns. O animador galego David Fidalgo Omil gañou o Premio Escarállome co filme ‘Sandwich Cat’, concedido polo público á curta máis divertida.