Tras o aperitivo do pasado venres, coa musicalización da película ‘The Hunchback of Notre Dame’ e a proxección de ‘The thing’ abren o certame de este ano, bota a andar o Galician Freaky Film Festival, o festival de cinema freak e fantástico que proxectará en Vigo curtametraxes internacionais inéditas do cinema underground de todo o mundo. Ademais de proxeccións, o certame ten artellada unha programación de actividades paralelas para afondar en diversos aspectos da cultura freak.
Todas as actividades terán lugar na New Videodrome, a nova ubicación do certame na Galería Apo’strophe.arte da Praza Elíptica. A entrada á New Videodrome, e ás actividades paralelas, é libre e gratuíta salvo que se indique o contrario. As proxeccións serán no mesmo centro comercial, nas salas de cine Galicine e para asistir é preciso contar co abono ou entrada do día correspondente.
Encontro freak con Diana Peñalver – Sábado ás 18:30 horas na Sala de Cine (require entrada de día)
A actriz sevillana estará no GFFF con motivo do aniversario de Braindead, un dos primeiros filmes de Peter Jackson, emblema da comedia gore, que protagoniza xunto a Timothy Balme.
A actriz conta cunha longa traxectoria tanto en teatro e televisión como en cinema. Entre moitos títulos participou no filme de Fernando Trueba, El año de las luces, e en televisión saltou a fama grazas á serie Las Chicas de hoy en día. Peñalver charlará cos asistentes sobre a filmación dun dos filmes gores máis aplaudidos da historia do cinema.
A presenza de Diana forma parte da homenaxe que o GFFF realiza este ano ao festival neocelandés, centrada nos seus primeiros traballos. O venres proxectarase Bad Taste (Mal gusto) e o sábado Braindead (Tu madre se ha comido a mi perro).
Work in progress… ‘Coia o Caos, es la ley!’ – Mércores 29 ás 19 horas
‘Coia o Caos, es la ley!’ é unha webserie 100% viguesa que homenaxea con humor o barrio de Coia, as súas xentes a aos ausentes. No GFFF poderanse ver en primicia imaxes do proxecto e contarase coa presenza de catro das mentes inquedas que se atopan detrás e diante deste proxecto: Carlos Godoy, Suso Cortegoso, Ronaldo Delgado e Manel Salgueiro.
Presentación Cinepatía: Héroes, diosas y villanos. Vol. 2 – Xoves 29, ás 12h
Presentación do segundo volume escrito por Óscar Suárez e José Ángel Regueiro e producido co apoio do GFFF no que exploran os filmes que marcaron a súa mocidade e cos que seguro que moitos se sentirán identificados.
A presentación contará con imaxes proxectadas dalgunhas secuencias das súas pelis-impacto. Falarán das súas experiencias nesa etapa na que comezan a desaparecer algúns dos cinemas máis emblemáticos de Vigo e certos programas de televisión dedicados ao celuloide que marcaron a súa infancia e adolescencia.
Exposición ‘La línea general’
O xoves ás 16.00 horas terá lugar a inauguración da exposición ‘La línea general’, unha recompilación das imaxes-meme publicadas na conta de Twitter co mesmo nome e que xogan a mesturar referencias de diferentes filmes para crear imaxes divertidas e irreverentes. Confrontación do antigo e o moderno, o enfrontamento entre estilos, a procura de espellos imposibles, comparativas disparatadas e coincidencias insospeitadas forman parte desta disparatada exposición que estará colgada na New Videodrome durante todo o festival.
Café con CREA: Unha viaxe delirante polo cinema fantástico patrio, con Javi Camino – Venres 30 ás 11.00 horas
Da man da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización e xunto co director Javi Camino levarase a cabo un encontro onde os máis cinéfilos recordarán ou descubriran algunhas das xoias ocultas que o cinema fantástico deu á nosa cinematografía. Títulos tan tolos como: ‘La campana del infierno’, ‘Supersonic Man’, ‘Los nuevos extraterrestres’, ‘El hombre perseguido por un OVNI’ ou ‘Juan y Junior… en un mundo diferente’.
Unha divertida viaxe na que descubriremos algúns dos momentos máis frikis da historia do cine fantástico español: desde os grandes clásicos ata os bodrios máis desconcertantes, pasando por todo tipo de rarezas e parodias.
Mesa Cinemar Films: Función da dobraxe galega – Venres 30 ás 13.00 horas
Co apoio do estudo compostelán Cinemar Films este ano celebraremos a mesa Función da dobraxe galega coa que queremos reivindicar a figura dos profesionais da dobraxe do noso país: actores, técnicos, subtituladores, tradutores e directores de dobraxe.
A mesa estará conducida por Uxío Couto un dos maiores coñecedores da historia da dobraxe no noso país. Charlará coa tradutora Rosa Camiña, a actriz e directora de dobraxe Teresa Santamaría e o actor e director de dobraxe Chema Gagino.
Gravación podcast: ‘En franca decadencia’ – Sábado 1 ás 11.00 horas
Edición especial en directo do podcast ‘En franca decadencia’, un programa de radio quincenal nas ondas libres sobre ilustración, cómic e animación. O seu obxectivo: deixar un testemuño fiable sobre a realidade profesional neste sector que tanto lles apaixona.
Conducido polo artista gráfico Paulo Mosca e coa participación de David Fidalgo Omil, Martín Romero e Pamela Poltronieri.
Presentación ensaio: ‘A asimilacón do fantástico nas prácticas da EOC’, con Severiano Casalderrey – Sábado 1 ás 13:30 horas
A actividade máis sesuda desta edición ten como protagonistas ao historiador e programador de festivais de cine Severiano Casalderrey e o ensaio co que resultou gañador na VI edición dos Premios María Luz Morales de ensaio cinematográfico, concretamente na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional.
A defensa do cinema fantástico non deixa de ser un conta bastante pendente dentro da historiografía, pero ademais aquí damos voz a outro referente da cinematografía española dos anos do franquismo. Casalderrey falará da Escola Oficial de Cinema, unha institución que logrou elevar a calidade do cinema español nun momento tan complexo no que se refire a censura e liberdade artística.
Vigo, capital do frikismo autóctono
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.
O GFFF ten todos os ingredientes para converter a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.
Na súa quinta edición, malia pandemia, o festival foi quen de vender todos os seus abonos e alcanzar máis de 12.000 visualizacións na súa edición híbrida. O éxito entre o público, os medios, e o respaldo de creadores de todo o mundo, xunto cunha programación moi coidada nun ambiente único, converten a o GFFF no festival de cinema freak e underground máis vándalo das Rías Baixas.