Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que celebra a súa 19ª edición e terá lugar do 26 de abril ao 1 de maio, presenta un adianto da súa programación na que o cinema e música danse a man, esta vez co novo proxecto de J, de Los Planetas.
J, cantante, guitarra e compositor do grupo, presentará en directo no festival o espectáculo ‘Plena Pausa’ onde musicaliza pezas seleccionadas do arquivo inédito de Iván Zulueta, o mítico director de Arrebato.
O concerto, que terá lugar o 29 de abril en Tui dentro da programación do festival, está inspirado en materiais inéditos, filmados en súper 8 polo cineasta e rescatados pola Filmoteca Española, cos que J crea unha serie de temas musicais que, combinados, constitúen unha obra audiovisual xenuína.
O músico granadino mergullouse na filmografía rodada por Zulueta entre os sesenta e os setenta, que non se limita á aínda transgresora ‘Arrebato’ (1980) senón que profunda en espontáneas filmacións en Super 8. Este arquivo estivo gardado nun almacén tras a morte do cineasta, dez anos despois, a Filmoteca adquiriuno para a súa conservación. Cando comezan a tratalo e dixitalizalo, aparecen 80 títulos rodados en súper 8, desde películas persoais nas que se ve á súa familia ata imaxes moito máis experimentais, un material histórico dun dos grandes autores do cinema español a pesar da súa curta traxectoria.
Parte do arquivo estaba sen son e foi aí cando apareceu J para poñer banda sonora a estes traballos, moitos dos cales poderán verse por primeira vez. O resultado converterase no seu primeiro álbum en solitario que lanzará neste ano 2023, un reto creativo para o músico que admite ter moitos puntos en común co cineasta e coa súa visión da arte. Javier Aramburu, estreitamente vinculado ás figuras e obras de J e Zulueta, é o responsable da súa identidade visual.
O concerto será o sábado 29 de abril ás 23.00 horas no Teatro Municipal de Tui e as entradas xa están á venda. Durante o espectáculo unha banda formada por cinco músicos liderada por J interpretará as cancións deste proxecto musical.