O Festival de Cans, que celebrará a súa décimo sétima edición entre o 2 e o 5 de setembro, prepara un novidoso formato con medidas estudadas que terán como obxectivo as máximas garantías de hixiene, seguridade e distanciamento social que marcan as medidas establecidas a raíz da irrupción da Covid-19. A intención é poder realizar o evento de xeito máis reducido, pero sen perder a esencia.
A organización traballa nun concepto onde as premisas máis importantes serán garantir un «escudo protector» sobre as persoas maiores da aldea, a redución do aforo dos jalpóns a menos da metade, eliminar as actuacións musicais nocturnas no Torreiro e a concentración de actividades nun único espazo de aforo limitado e controlado, situado na zona do Parque do Río.
Por este motivo evitaranse as proxeccións e actividades naqueles jalpóns onde habiten persoas de maior idade, que non formarán parte tampouco nesta edición do xurado das veciñas e veciños nin por precaución se programarán actuacións colectivas, como a que tradicionalmente reúne ás Pandereteiras de Cans. Este «escudo protector» sobre os maiores tamén se activará no caso dos condutores de chimpíns de maior idade, que este ano non participarán por precaución. A previsión sería facer só pequenas procesións honoríficas dos chimpíns, totalmente controladas, cun máximo de catro persoas en cada un.
O plan do festival pasa por reducir o número de jalpóns e o aforo dos mesmos, que habitualmente nunha media dunhas 110 persoas, pasaría a un tope de 50 persoas, algo menos da metade do permitido polas normas actuais, e non se fomentaría a rotación entre jalpóns. O mesmo público asistiría ás proxeccións a concurso sen moverse da mesma sala e cunha pausa intermedia, na que se aplicarían medidas de hixiene e ventilación do espazo, ó que accederían con máscara de protección. Na entrada de cada jalpón, haberá un dispositivo de aplicación de hidroxel e o público tería dúas vías de acceso diferentes, unha de entrada e outra de saída, para non cruzarse.
Só 200 entradas matinais e 200 de tarde
A organización traballa nun programa no que se potencien máis as actividades diurnas, as proxeccións e os coloquios e encontros, e que prescinda das actuacións nocturnas no Torreiro, onde sería máis difícil controlar o aforo. Por este motivo, a idea é crear unha ampla zona central na zona do Parque do Río, que concentre os coloquios con directores e directoras e pequenas actuacións musicais para un aforo máximo de 300 persoas sentadas, sempre seguindo as normas actuais de distancia de seguridade. A hora de peche das actividades estaría previsto para antes da medianoite, hora na que se desaloxarían todos os espazos.
Dada a redución de espazo e de aforo, só sairán á venda 200 entradas para as proxeccións a concurso en sesión matinal e outras 200 entradas en sesión de tarde do sábado 5 de setembro, buscando en todo momento un certame onde o público se poida controlar ordenadamente, e mesmo onde habería un tope de desprazamento de persoas a Cans, limitado a través do acceso nos autobuses habituais desde o centro de O Porriño.
A programación ó longo da semana, centrarase en coloquios e encontros profesionais, así como na proxección de diversas sesión paralelas, aínda que, por prudencia, se prescindirá da parte educativa e das visitas dos colexios.
O festival leva traballado neste plan nos últimos meses, desde que se anunciara o aprazamento do festival, a finais do mes de marzo. Neste tempo, a organización mantivo un diálogo continuado con veciñas e veciños que colaboran co certame, patrocinadores e institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño, así como consultas con equipos xurídicos e pediu a opinión de expertos en diversos protocolos e medidas sanitarias, para realizar un plan que puidese fomentar a seguridade para a realización do certame con este novo formato.