Trátase de ‘Nosferatu, unha sinfonía de horror’, obra mestra de F.W. Murnau, á que porá banda sonora Caspervek Ensamble. Brais González no piano e sintetizadores, Raquel Fernández no violín, Erea Carbajales no violín e guitarra eléctrica, Blas Castañer na percusión e sintetizadores e Óscar Mourelos na percusión serán os encargados de poñer música a este emblema do expresionismo alemán.
Caspervek xa levou a cabo unha musicalización en directo desta mesma obra no 2014. Con todo, aínda que toman aquela experiencia coma un punto de partida, o resultado é totalmente diferente. “Está composta tendo sempre en conta o aspecto performativo”, comenta Brais González. “Os dous percusionistas e as dúas violinistas estarán enfrontados xerando unha especie de Caspervek bífido”, engade. A inspiración para a peza chega directamente da música do expresionismo alemán e con matices do dodecafonismo e tamén das melodías e instrumentación do cine de terror.
A oportunidade de poder desfrutar da nova composición musical do Caspervek Ensamble terá lugar o vindeiro 24 de outubro ás 19:30 horas no centro de operacións do Galician Freaky Film Festival, a Sala Videodrome. A entrada custará 7 euros e incluirá dúas pases de curtametraxes despois da proxección e musicalización de ‘Nosferatu, unha sinfonía do horror’.
Nosferatu, o primeiro gran vampiro do cinema
‘Nosferatu, unha sinfonía do horror’, proxectouse por primeira vez en 1922, pero a historia detrás da película comezaría un par de anos antes de mans do ocultista Albin Grau quen tiña o gran interese de mostrar ó mundo o universo dos vampiros. Facendo unha adaptación libre do ‘Drácula’ de Bram Stoker (que lle valería una demanda da súa viúva por plaxio), creou a personaxe do Conde Orlok o ‘chupasangue’ de aspecto máis terrorífico de todos e que non podía expoñerse á luz do sol.
Baixo a dirección de F.W. Murnau e a interpretación de Max Schreck, o filme converteuse nun dos grandes títulos do expresionismo alemán, todo un fito do cinema de vampiros e unha fonte inesgotable de lendas e mitos relacionados coa cinta.