Na inauguración, o certame concederá a mención honorífica a un dos grandes impulsores do audiovisual galego: Manolo González, que será homenaxeado pola súa incansable labor en favor do cinema e a historia audiovisual galega, polas súas labores didácticas sempre co fin de dar a coñecer o cine galego e polo apoio que ofrece ás novas xeracións.
Ademais na gala de presentación, e coincidindo co Día do Traballador, poderase ver a unha das obras mestras do cinema documental actual: ‘No intenso agora’, do brasileiro João Moreira Salles. Un documental que, a través de diferentes imaxes de arquivo falará dos eventos de maio do 68 en París, a Primavera de Praga e a Chinesa comunista de Mao.
Previo á gala de inauguración, no Instituto Camões de Vigo proxectaranse diferentes curtas galegas e lusófonas. Así, o primeiro pase é ás 18.00 e estará composto por catro obras galegas, mentres que no segundo pase, ás 19.30, exhibiranse catro curtas lusófonas.
Deste xeito, todos os asistentes ao bloque 1 de curtas galegas poderán ver ‘Mariñeiro’ de Juan Galiñanes, un falso documental protagonizado por Celso Bugallo que aborda as dificultades do traballo no mar e que recibiu a Mención Especial do Xurado na última edición do Ourense Filme Festival (OUFF); ‘Plus ultra’ de Samuel M. Delgado e Helena Girón, unha peza de ficción experimental que fabula sobre a colonización; ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez, unha historia sobre o consumismo que estivo nomeada a Mellor Curtametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo e ‘De repente, la noche’ de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, un drama familiar que narra a historia dun matrimonio e da súa loita para salvar a súa filla enferma.
Xa no segundo pase, o bloque 2 de curtas lusófonas estará composto por ‘Equinócio’ de Ivo M. Ferreira, un drama sobre a perda da memoria; ‘Primeiro Ato’ de Matheus Parizi, unha obra na que se verá como dous estudantes de teatro intentan convencer aos seus compañeiros de que se unan a eles para intentar desmantelar as políticas culturais de Brasil; ‘Altas cidades de ossadas’ de João Salaviza, un relato sobre Karlon, o pioneiro do Cape Verde Creole Rap e estreado na Berlinale de 2017; ou ‘Terrain Vague’ de Latifa Saïd, seleccionado en TISFF de Grecia en 2017 ou no Festival Internacional de Curtametraxes Vila do Conde que amosa a vida de Omar, un traballador do Magreb que se sente incómodo ante as mulleres e a súa relación con Rita, coa que tratará de superar os seus complexos.
Durante todas as xornadas de proxeccións no Camões, os asistentes poderán gozar duns petiscos doces e salgados cortesía do Instituto Camões e dun albariño. As entradas aos bloques de curtas galegas e lusófonas pódense adquirir no Instituto Camões desde media hora antes do comezo das proxeccións e cada un deles ten un custo de 3 euros. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.