A penúltima xornada do Festival de Cans contou este venres ¡coa presenza da gran actriz galega María Vázquez como un dos puntos destacados do programa.
Vázquez deixou onte a súa pegada no Torreiro das Estrelas de Cans e despois recibiu o Premio Pedigree de Honor na Noite do Homenaxe que tivo lugar a partir das 21:00 no Espazo Estrella Galicia da Leira do Rio.
Pero antes a actriz protagonizou unha charla moi interesante co seu compañeiro e amigo Tamar Novás, outro dos intérpretes galegos máis destacados dos últimos anos.
Nunha divertida charla que tivo lugar no Torreiro, María e Tamar falaron e reflexionaron sobre experiencias comúns no mundo do cine e deixaron clara a súa complicidade. Ámbolos dous lembraron que traballaron xuntos en diversas oportunidades, «mesmo en obras de teatro ante no máis de 20 espectadores» e Tamar sinalou que foi a propia María quen lle animou a presentarse para o seu primeiro papel no teatro na obra «El Viaje a ninguna Parte» do Centro Dramático Nacional. O actor fixo un gran esforzo para estar en Cans xa que terminou de traballar nun rodaxe en Valencia o venres de madrugada.
Vázquez explicou que atópase nun momento profesional moi doce, despois do éxito obtido con «Matria» pero apuntou tamén que a vida dos actores está sempre chea de incertezas e o único que está claro e que «ser artista é unha forma de vivir e morrerei sendo artista».
Engadiu que unha das grandes satisfacción como profesional do cine é poder facer papeis como os que tivo en «Matria» e agora en «Alumbramiento», onde aparecen mulleres coas que moitas outras poden sentirse identificadas.
Desembarco de Societé Acéphale en Cans
Tamén falaron este venres en Cans os representantes da produtora francesa Sociéte Acéphale. Realizadores, produtores e actores deste grupo que reúne a distintas nacionalidades participaron nun coloquio no que falaron sobre o seu traballo dentro do cine experimental. O director Anthony Lapia, un dos membros destacados de Acéphale, explicou que a súa forma de ver o cine e o de aplicar un punto de vista radical sobre a sociedade.
Ademais, os membros de Acéphale adoitan a traballar conxuntamente nos proxectos cinematográficos coa fórmula «faino ti mesmo» e colaboran con distintos roles –actor, director, produtor montaxe—nas longametraxes e curtas que realizan. «Non facemos as películas para gañar cartos pero por sorte ultimamente están a saír ben as cousas e podemos pagar aos técnicos e a nós mesmos para pagar o aluguer, non está mal», sinala dun xeito divertido Anthony Lapia, quen confesa que nestes días están a sentirse moi cómodos en Cans porque «e un festival que ten unha filosofía moi parecida á nosa».
A xornada de este venres tivo como punto culminante a colocación da estrela de María Vázquez no Torreiro de Cans, que contou coa presenza da Vicepresidenta Segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e do ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
Posteriormente, tivo lugar a Noite das Homenaxes, coa entrega das distincións do festival á propia María Vázquez, a Eduardo Rodríguez «Tatán», a Luis Dávila «O Bichero» e á veciña Fermina de Pouso. Os concertos de Cinema Paradiso e The Incredible Peón Kurtz DJ porán o punto final á xornada.
Este sábado, David Trueba e The Rapants
A última xornada do festival contará este sábado cunha axenda moi cargada xa dende primeira hora da mañá.
A partir das 10:00 comezarán os pases das curtas a concurso nos distintos espazos habilitados para as proxeccións e tamén os pases da retrospectiva das curtas de Sociéte Acéphale.
Ás 12:00 haberá un coloquio no Torreiro cun dos invitados máis destacados desta edición, o director David Trueba, que despois deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas.
Pola tarde, continuarán as proxeccións da seccións oficiais e terán lugar distintas actuación musicais como as de Su Garrido Pombo, Grande Amore, Nat Simons, Escuchando Elefantes e o fin de festa que chegará coa banda de Muros The Rapants na Leira do Río. Antes celebrárase neste mesmo espazo a gala final de entrega de premios do festival.
Programación sábado 25:
- 10:00 h. Roteiro «Tradición oral e musical a partir do documental `Don Cesáreo, o cura da vespino´ con Xurxo Souto. Saída da Rotonda da Adroza.
10:00 h. Primeiro pase matinal da Sección Oficial de Ficción+Animación. Baixo de Moncho, Cuberto de Chelo Baixo de Bugarín e Baixo de Alfonso.
10:00 h. Primeiro pase matinal da Sección Oficial de Non Ficción-Furacans. Casa de Mari.
10:00 h. Retrospectiva de curtas de «Societé Acéphale». Baixo de Carlos.
12:00 h. Coloquio na Leira: David Trueba. Torreiro de Cans.
13:15 h. Colocación de estrela de David Trueba. Torreiro de Cans.
13:30 h. Segundo pase matinal da Sección Oficial de Ficción+Animación. Baixo de Moncho, Cuberto de Chelo Baixo de Bugarín e Baixo de Alfonso.
13:30 h. Segundo pase matinal da Sección Oficial de Non Ficción-Furacans. Casa de Mari.
13:30 h. Retrospectiva de curtas de «Societé Acéphale». Baixo de Carlos.
13:30 h. Sesión Vermú Povarelo: Mediarea. Torreiro de Cans.
13:30 h. MiniCans. Actuación: «A maleta de Caxide» con Carlos Quintá. Cuberto de Antonio.
15:30 h. Procesión de chimpibuses coa Banda de Gaitas de Mosende desde Casa de Paz e Rafa ata o Torreiro.
16:00 h. MiniCans. Inicio das proxeccións de curtas na Caixiña de Mistos e Obradoiro de Cinema e Barro. A Leiriña. Parque do río.
16:00 h. MiniCans. Polo Correo do Vento. Cuberto de Pato.
16:00 h. Dálle Caña: encontro de curtametraxistas das seccións oficiais de Ficción+Animación. Torreiro de Cans.
16:30 h. Primeiro pase de tarde da Sección Oficial de Ficción+Animación. Baixo de Moncho, Cuberto de Chelo Baixo de Bugarín e Baixo de Alfonso.
17:00 h. Primeiro pase de tarde da Sección Oficial de Non Ficción-Furacans. Casa de Mari e Casa do Carreira.
17:00 h. Proxección do documental «Patios de luz» de Su Garrido Pombo + actuación musical. Cuberto de Mucha do Peso + Invernadoiro Rei Zentolo.
17:00 h. Actuación: A Vacaloura Vermella. A Leiriña. Parque do río.
17:30 h. Dálle Caña: encontro de curtametraxistas da sección oficial de Non Ficción-Furacans. Torreiro de Cans.
19:00 h. Actuación: Nat Simons. Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
20:00 h. MiniCans. «Cine de historias da man de Alice Guy» con Raquel Queizás. Cuberto de Pato.
20:00 h. Actuación: A organeta de Pulpiño Viascón. A Leiriña. Parque do río.
20:00 h. Retrospectiva videoclips Grande Amore + actuación musical: «Grande Amore». Cuberto de Mucha do Peso + Invernadoiro Rei Zentolo.
20:30 h. Segundo pase de tarde da Sección Oficial de Ficción+Animación. Baixo de Moncho, Cuberto de Chelo Baixo de Bugarín e Baixo de Alfonso.
20:30 h. Segundo pase de tarde da Sección Oficial de Non Ficción-Furacans. Casa de Mari e Casa do Carreira.
21:30 h. Concerto: Escuchando Elefantes. Torreiro de Cans.
23:00 h.Gala final entrega de Premios. Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
00:00 h. Concerto: The Rapants. Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
01:30 h. Discochimpín La Pócima: Señora DJ. Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.