O Auditorio Municipal do Concello de Vigo acolleu este domingo a gala de clausura da duodécima edición do Festival Primavera do Cine, onde foron entregados os diversos premios aos filmes que participaron na sección oficial.
O Premio do Público á mellor longametraxe recaeu no filme de nacionalidade brasileira ‘Meu amigo Lorenzo’, dirixido polo veterano cineasta André Luiz Oliveira. Oliveira (1948) é todo un icono do cinema marxinal brasileiro desde finais dos anos sesenta, etiqueta que acadou a partir da difusión do seu filme ‘Meteorango kid, o heroi intergaláctico’ (1969). A súa traxectoria está composta por numerosos filmes de prestixio como ‘A lenda de Ubirajara’ (1974) e ‘Louco por cinema’ (1994).
En palabras do propio Luiz Oliveira: “A miña carreira no cinema é longa. Teño varias longametraxes, curtas… pero ‘Meu amigo Lorenzo’ é un filme especial e por iso tiña que verse nun festival especial, con características especiais”.
O xurado, composto por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación, decidiu premiar o filme documental ‘10 de marzo’, dirixido por Roi Cagiao por ser “un filme necesario nos tempos actuais pola temática que aborda, por realizar unha lectura precisa e comprometida da historia política recente de Galicia, a través dunha narración dinámica e acadando unha sobriedade emotiva”.
O xurado decidiu entregar tamén unha Mención Especial ao filme ‘Liña de fuga’, dirixido por Marta Blanco, “por elaborar un discurso arriscado que mantén o equilibrio entre as diversas áreas cinematográficas: montaxe, son, planificación, música… que contribúen a desenvolver un discurso intimista, acompañado dunha mirada crítica e feminista acerca da realidade”.
Os premios do público á mellor curtametraxe repartíronse entre os filmes de produción galega e os de produción de países da lusofonía.
O premio do público á mellor curtametraxe galega recaeu en ‘Antes de que se poña o sol’, dirixida por Nani Matos. En palabras do seu director, “ a curtametraxe fala sobre os conflitos familiares e as difíciles decisións que, ás veces, é necesario tomar”. Segundo a organización do festival: “unha ficción sustentada na solidez do guión e na dirección de actores”.
O premio do público á mellor curtametraxe lusófona foi a parar a outra produción brasileira, ‘Pedro e Inácio’, dirixida por Caio Dornelas, un documental de corte político e combativo que aborda as loitas camponesas polo dereito á terra nunha pequena comunidade do Brasil.
A gala de clausura contou tamén cun concerto e a estrea da curtametraxe ‘Carmen’. A actuación musical correu a cargo do intérprete e compositor vigués Oswaldo Oro, artista de referencia internacional pola súa traxectoria ao longo dos últimos anos.
A curtametraxe ‘Carmen’, foi presentada polo seu propio director, Fernando Cornide. Nesta ópera prima, Cornide aborda o fenómeno da despoboación do rural en Galicia cunha mirada intimista á vez que comprometida.