Cordero González conta o naufraxio dun pesqueiro acontecido en 1975, logo de ser abordado polo mercante Playa de Aldán. O audiovisual relata como Rafael Gutiérrez, fontaneiro de profesión e mergullador, atopa o barco afundido fronte á illa de Ons. Nadando polo pecio, Rafa obtén información que lle axuda a compoñer a historia deste afundimento.
‘Secretos da marea’ é unha peza que fala das especies descoñecidas para o gran público que habitan as profundidades mariñas galegas. Un tesouro biolóxico, en boca do seu director, Jorge J. Candán, que este audiovisual se encarga de rescatar e dar a coñecer. O traballo estrearase no ciclo de cine da Universidade o 15 de novembro.
O resto das producións da Semana de Cine Submarino serán tres documentais da serie Planeta Azul II, da BBC, e un traballo asinado polo mergullador portugués Rui Guerra, Ansiao: ‘Expedição às profundezas’, sobre a exploración dunha cova submarina de 45 metros de profundidade. O documental conecta cunha nova do pasado mes de xullo na que doce nenos tailandeses foron rescatados por mergulladores británicos logo de permanecer nove dias atrapados. O documental portugués poderase ver o 13 de novembro.
En canto aos documentais da BBC, trátase dos mellores traballos audiovisuais submarinos do mundo feitos ata agora. A semana de Cine Submarino Universidade de Vigo contará con tres audiovisuais desta serie da televisión pública británica. O martes, 13 de novembro, ‘Nuestro planeta azul’ será o traballo co que dé comezo a Semana. A mensaxe deste traballo en concreto é sobre todo, o de alertar ante o perigo no que se atopan os océanos. Dúas das principais ameazas: a sobrepesca e a contaminación de plástico, con 8 millóns de toneladas anuais que acaban nos mares.
O mércores, 14, o audiovisual de BBC Earth que proxectará a Semana será ‘Planeta azul II: costas’. Neste audiovisual o espectador aproximarase ás especies que habitan entre a terra e o mar e os cambios que experimentan as costas por mor das mareas e o desgaste orixinado polas ondas, como na lucense praia das Catedrais.
O xoves, 15 de novembro, proxectarase ‘Cómo se hizo Planeta azul II’, unha oportunidade para descubrir a envergadura destes documentais. Toda a serie da BBC foi realizada grazas a catro anos gravación de imaxes e 125 expedicións en 39 países diferentes. O audiovisual repasa as dificultades que se atoparon os mergulladores e equipos de gravación para conseguir esta ambiciosa serie sobre os océanos.
A XXVIII Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar do martes 12, ao xoves, 15 de novembro, no Teatro Afundación de Vigo. A entrada será de balde ata completar aforamento e as sesións comezarán ás 20.00 horas.
Como é habitual na Semana, e tendo en conta o seu carácter divulgativo, haberá tamén pases especiais para escolares de centros de ensino da provincia. O horario das proxeccións será ás 10.00 e 12.00 horas, co fin de que os nenos e nenas coñezan desde pequenos a riqueza, a complexidade e a realidade dos mares e aprendan a respectalos.
Un ano máis, Extensión Universitaria pretende subliñar con esta programación, unha mensaxe medio ambiental e sostíbel, sensibilizar sobre a necesidade de respectar as especies mariñas dos mares próximos e afastados e garantir a súa conservación. Para a Universidade de Vigo simboliza, ademais, un evento para conectar co gran público.