O festival internacional de cinema freak e fantástico de Vigo vén de publicar a Selección Oficial de curtametraxes que formarán parte da súa sétima edición e que se proxectarán entre o 27 e o 30 de setembro nos Cines Tamberlick da Plaza Elíptica. Curtas que alimentan o maxín, coas que arrepiar e coas que berrar á pantalla. O obxectivo do Galician Freaky Film Festival continúa a ser provocar nos espectadores de todo menos indiferencia.
O programa inclúe 45 curtametraxes de 23 países diferentes divididas en oito bloques segundo a temática: Alimento para o maxín, Arrepío, Ciencia ficción, Co cu torcido, Humor freak e Que carallo é isto.
As curtas foron seleccionadas entre os traballos inscritos na convocatoria e unha exhaustiva procura polos festivais e produtoras de xénero máis relevantes do mundo, polo que o resultado é unha escolma do mellor do cinema freak e fantástico estreado dentro e fóra de Europa durante o último ano, na que 32 dos traballos non foron nunca antes proxectados en Galicia e 12 son tamén estreas en España. Unha proba máis da singularidade da mostra que poderemos ver a próxima semana na Praza Elíptica.
Presenza de filmes galegos
Na Selección Oficial non podían faltar os títulos e profesionais galegos. Fernando Tato e Lucía Estévez estarán presentando ‘Compañeiros’ e ‘O Neno Sardiña’, respectivamente. Tamén poderemos ver ‘Sandwich Cat’, premiada curta do animador David Fidalgo Omil e Caraoscura, con guión do coruñés Javier Trigales. Ademais de facer sempre un oco ás producións galegas, o GFFF leva desde o seus incios subtitulando en cada edición ducias de curtametraxes internacionais á nosa lingua.
A animación, protagonista
Nesta sétima edición, na que o GFFF homenaxea o anime xaponés ‘Akira’, as pezas de animación manteñen o seu absoluto protagonismo na Selección Oficial. Unha técnica pola que o festival leva apostando todos estes anos e que se ve reforzada este ano ao considerarse un medio moi versátil, capaz de achegar historias oníricas, violentas e políticamente incorrectas que en acción real serían case imposibles de producir ou desfrutar.
Vigo, capital do frikismo
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.
O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.
A sétima edición celebrarase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo.