Xa son trece os galardóns que “Fame de experiencias”, o audiovisual da campaña de turismo 2019 da Deputación, producido pola produtora “Esmerarte”, vén de acadar dende a súa estrea en Madrid na Feira de Turismo de Fitur. Neste caso, trátase dun novo recoñecemento internacional, no XI International Amorgos Tourism Film Festival, o Festival Internacional de Cinema de Turismo da illa de Amorgos (Grecia), que tivo lugar esta fin de semana. O audiovisual da Deputación obtivo o Premio de Ouro ao mellor Produto Turístico-Turismo Gastronómico, impoñéndose ao resto das candidaturas.
O Amorgos Tourism Film Festivalestá integrado na rede mundial do CIFFT, o Comité Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo, que escolle cada ano o mellor audiovisual de turismo do mundo. En concreto, o festival grego, que este ano celebra a súa décimo primeira edición, ten por obxectivos poñer en valor a “excelencia” dos vídeos promocionais turísticos que se lanzan en todo o planeta así como premiar a aqueles que serven de inspiración no desenvolvemento turístico dos destinos.
“Fame de experiencias”, producido pola empresa Esmerarte, trátase dun audiovisual centrado no turismo sostible ligado á terra, á natureza, ao produto autóctono, materias primas e ás produtoras e produtoras da provincia de Pontevedra. O audiovisual visibiliza o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia de Pontevedra, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da nosa gastronomía coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno
Co premio acadado en Amorgos, son xa trece os recoñecementos internacionais para “Fame de Experiencias”, tras os acadados en Fitur, Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Los Ángeles, SilaFest de Serbia, Terres Festival, no Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, e no TourFilm Festival de Zagreb en Croacia e os dous obtidos no Festival Art&Tur de Víseu en Portugal.