«En Vigo soñei e aprendín a facer cinema cando me saltaba as clases para acudir al Tamberlick e ás sesións do cineclub Cíes, onde descubrín esas outras formas de facer películas», lembrou na véspera da estrea o director, que rodou na cidade unha vintena de curtos e varias das súas longametraxes.
Madrid e Berlín son os escenarios de ‘O ventre de Europa’, unha película de cinema europeo de autor rodada cun decálogo ideado polo propio Pinzás que, advertiu, «non ten nada que ver co Dogma 95», movemento de vangarda de Lars von Trier co que o vigués rodou a triloxía formada por ‘Érase otra vez’, ‘Días de boda’ e mais ‘El desenlace’.
O cineasta animou ao público para ver a cinta «cos ollos e os oídos moi abertos». «Non é unha película amable, pero si comprometida, honesta e entretida e que esixe a participación do público», describe. A cinta, na que o director se converte en protagonista a través do seu ‘alter ego’ Julián Pintos, fala de «esta Europa tan complicada e do paso do tempo», mostrando o universo onírico do autor no que realidade e ficción mestúranse. «Ante todo, é unha homenaxe á muller», engadiu Pinzás.
O director anunciou, ademais, que ‘O ventre de Europa’ será a primeira entrega dunha triloxía que manterá o cumprimento do «decálogo pinzasiano» que persegue, entre outras cousas, «escapar do cinema convencional e lograr interpretacións que saian do máis profundo dos actores».
Xunto a Pinzás, o reparto complétase coas bailarinas e actrices Elke Krüger e Katherine Sorel ademais de María Villar, que interpreta á nai de Julián. ‘O ventre de Europa’ é unha produción de Abstracto Films coa colaboración de Atlántico Films e produción asociada por parte de Alemaña.