A undécima edición do Festival Primavera do Cine arrancará o martes 13 de setembro (18.00 horas) en Vigo coa proxección de dous bloques de curtas na Galería 3 do museo Marco. Como cada ano desde os seus inicios, o certame concede unha mención honorífica como recoñecemento a profesionais ou institucións ligadas ao cinema en Galicia. O galardón deste ano recaerá sobre o Cineclub Lumière, unha institución que, a piques de entrar na trintena, xa é todo un referente na cidade.
Cando no ano 1993 un grupo de persoas se reuniu para crear o Cineclub Lumière, seguramente poucas delas pensaban que case trinta anos despois seguirían aí, non só como símbolo de resistencia cultural senón tamén como institución de referencia en Vigo, transmitindo paixón polo cinema e apostando pola cultura de proximidade. O nacemento do Lumière supuxo recuperar para a cidade olívica unha actividade que non tiña continuidade dende o ano 1982, data na que desapareceu o último dos cineclubs vigueses dos anos 70.
Ao longo de todos estes anos, nos que o panorama da exhibición cinematográfica mundial experimentou unha drástica transformación, o cineclub cambiou de sede e de representantes, pero o que nunca mudou foi o seu carácter divulgativo, o seu interese pola difusión da cultura cinematográfica, a vocación polo estudo do cinema, polo achegamento de xeito crítico á sétima arte (e á sociedade por extensión); ademais da promoción de realizadores novos, a quen facilita a produción e a posterior exhibición dos seus filmes. Todo isto sempre en escrupulosa versión orixinal subtitulada -no caso dos filmes estranxeiros-, mantendo a esencia de cada película.
Desde a súa ourela de resistencia, o Lumière colabora con numerosas entidades da cidade para ofrecer todo tipo de ciclos cinematográficos, organiza exposicións e obradoiros formativos, produce curtametraxes e non deixa de estar presente en parladoiros, entrevistas e debates.
Segundo a organización do festival, “facer entrega da mención honorífica deste ano ao Cineclube Lumière é conmemorar a cultura de resistencia mais, principalmente, conmemorar o cinema libre”.
A entrega do premio terá lugar o domingo 18 de setembro nun acto de clausura de carácter gratuíto e aberto a todo o público, onde tamén se entregarán os premios das diferentes categorías. No evento, que estará conducido pola actriz e dramaturga Lola Correa, recollerán cadanseu galardón o membro fundador do Cineclub Lumière, Francisco Javier Estévez Álvarez (Fran), e á súa actual presidenta, Meli López.