Alfonso Pato é o director do festival de Cans, unha das citas máis benqueridas polos vigueses e toda a comarca. A crise do coronavirus chegou ao festival cando enfilaba a súa XVIII edición, prevista para a pasada semana de maio e agora reprogramada do 2 ao 5 de setembro. Pato é tamén impulsor e membro da xunta directiva de Proxecta, coordinadora de festivais de cine de Galicia. Falamos pois da situación do festival de Cans, dos festivais de cine galegos en xeral, e do cine galego como sector en auxe que se enfronta agora a unha situación inédita.
Octavio Beares- A industria do cinema, evidentemente, sufriu un parón radical desde que entramos en estado de alarma o 14 de marzo. Cal é a situación dos festivais en xeral neste momento e que prognóstico tes para o de Cans en concreto, xa que para a súa celebración estamos a falar de, aínda, setembro?
Alfonso Pato- Eu coñezo bastante ben a realidade dos festivais de Galicia e tamén da comarca de Vigo, entre outras cousas porque fun impulsor no seu momento e son membro da xunta directiva de Proxecta, que é a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema cuns 16 socios. Uns seis ou sete festivais xa foron aprazados, houbo que reubicalos no segundo cuadrimestre, e faranse en setembro ou outubro, sempre e cando a situación mellore. Así que estamos traballando nun ollo nos contidos e outro na de sescalada. Isto fixo que nos reuniramos, fortalecendo a nosa unión como colectivo, e estamos moi en contacto co ministro de Cultura, coa Xunta, a Deputación de Pontevedra e mesmo con concellos nos que se organizan festivais. Temos moi boa disposición de todos eles, o único que fallou foi a Xunta, que comprometérase cun apoio na liña do Xacobeo e ao final estamos fóra, e ben, neste aspecto estamos moi molestos. Nós e todo o sector: actores, actrices, directores, compañías de danza, asociacións culturais etc.
Ademais, estamos nunha situación na que evidentemente os orzamentos non van ser os que eran. E os festivais estamos a buscar alternativas, por exemplo alternativas en liña, que poidan complementarse espazos físicos que respectan as normas de seguridade.
Respecto a Cans, estamos a traballar en contidos, con precaución porque claro, poténcianse contidos de proximidade. Cans sempre potenciou contidos de Galicia pero sempre había presenza de exterior, que agora non vai poder ser. No noso caso había neste sentido algún gasto realizado. De momento a ver, que amaine o temporal e seguir traballando.
OB – Sendo en setembro a celebración de Cans aínda non haberá, imaxino unha solución xa concluínte
AP – Cans ten un público importante, pero non é masivo no sentido de que hai unha distribución de xente por lugares, días, eventos… Quero dicir, a última edición un día forte puido ter catro mil persoas, pero a metade delas corresponde aos concertos… en Cans o público está moi compartimentado. Ademais cando falamos dos galpóns falamos dun aforo modesto. Falamos de espazos aforados e de non grandes cantidades de xente.
Aínda que todo isto obsérvase agora desde unha prudencia máxima, e de seguridade. Pensando na desescalada e en vixiar que non haxa pasos atrás na evolución da pandemia.
OB – A preocupación trasládase tamén, como comentaches, aos creadores, os produtores, directores, actores… Como director do festival de Cans, que feedback tiveches con profesionais do cinema respecto ao futuro a medio prazo?
AP – Claro, moito contacto con todo o sector: directores, produtores… ducias de xente. Cans ten dúas prioridades: a seguridade de público e por suposto dos veciños, e outra prioridade, salvar a colleita de creadores. Queremos que haxa concurso, premios, aínda que sexa en liña. Porque? Porque a nós non nos gustaría que se parase a industria. O diñeiro dun premio a quen máis ben fará é a un curtometraxista. Ese diñeiro axudaralle a producir novo material. Hai que salvar e dar visibilidade aos creadores. Cans en maio tiña unha película apalabrada, unha estrea. Esta película agora mesmo non sabemos que pasará.
Doutra banda temos que gañar a confianza dos espectadores. As salas de cinema tamén. E a industria en global. Terá que desenvolverse lentamente. Quen estea escribindo un guión non ten tanto problema agta mesmo, pero producións a piques de entrar en rodaxe, imaxína. De feito xa hai protocolos de rodaxe, acordados có Ministerio de Cultura.
«A situación comezou preocupante e creo que se tornará angustiosa de aquí a fin de ano»
A situación comezou preocupante e creo que se tornará angustiosa de aquí a fin de ano. Dun modo transversal en todo o sector: festivais, salas, creadores… Veremos a prazos máis longos: dotacións económicas poderán caer, patrocinadores tamén… O mellor do meu vaticinio é que isto provoque un cambio no modelo de facer cinema, indo a medio prazo a un modelo como, digamos, a vía galega: cinema de autor, películas pequenas de orzamentos moderados. Creo que é un cinema con máis posibilidades de supervivencia
OB -Doutra banda, se o cinema en xeral sufriu, o cinema independente ou de autor, e obviamente as marxes como as curtametraxes ou o cine documental intúo que se atopan aínda con máis presión pois é un produto menos comercial…
AP -Creo que para Galicia e ou seu cinema a crise do coronavirus é nefasta por unha cuestión: o noso cinema estaba, agora mesmo, 2020, no mellor momento da súa historia con “ O que arde” de Oliver Laxe, Lois Patiño estaba a piques de sacar a súa película… e claro, a caída de festivais internacionais atacan a esta inercia. Os festivais son a saída principal deste cinema, e están a pechar todos.
Penso que imos a un retroceso dunha década, en termos económicos, de produción… Que será xeral para a cultura. Penso que moitos profesionais imos pasar moi mal.
OB -Pode parecer un paradoxo, pero o cinema, as series en streaming, foron un dos entretementos máis recorrentes para a xente, pode isto reforzar un vínculo agora entre os e as cidadáns e o cinema en salas, e de festivais?
AP -O que pasa é que nesta cuestión de series e vídeo en demanda… na miña opinión hai demasiada oferta lanzada gratis. Tanto de gratis como de pago había demasiado, e isto pode provocar un bloqueo. Un caso concreto, nos festivais de cinema, ao aprazarse os de primeiro semestre do ano, setembro e outubro tiña xa o seu calendario de festivais, e agora búscase “meter” os aprazados… estamos agora debatendo a saturación, a física por número de festivais a facer, pero tamén a posibilidade de que o festival sexa en liña. A física pode ser inevitable, se se quere ter edición en 2021.
«Todo o mundo non pode sobrevivir de plataformas dixitais»
Debatemos xusto o que estamos a falar, a saturación, que provoca unha dificultade na capacidade de elección do espectador. Que se satura. Igual hai cambios neste sentido: todo o mundo non pode sobrevivir de plataformas dixitais. Pero non sei ata que punto os espectadores terán confianza para asistir a salas… non vexo un futuro nada claro, non sei por onde imos ir. E como haxa un rebrote forte non se que vai pasar.
OB -Xa se sabe que a industria do cinema está buscando solucións. En Vigo xa circulan por change.org peticións de crear un autocine. Interésame trasladar a percura de novas ideas ao eido dos festivais: Como pensas que serán os festivais de cinema a partir de agora, polo menos mentres a situación de posible rebrote exista?
AP -Ben… un autocine, como un festival en liña, supón un investimento importante, unhas medidas de seguridade, servizos, organización de entradas e saídas… Nós hai anos contemplamos a posibilidade, estudamos modelos que xa existen, en Holanda por exemplo… é complexo, non é unha solución máxica, as ideas ao vento non serven para enfrontarnos a unha crise como a que provocou o coronavirus… é doado propoñer “hay que facer un autocine”, pero a realidade dun autocine, e que funcione económicamente, xa é outra cousa… eu a estas cousas chámoas o “hayqueísmo”.
Falábamos antes da posibilidade dixital. Eiquí temos o apoio de Deputación de Pontevedra. Deputación nos dá o seu apoio para unha conversión en liña, que é algo moi complexo, a nivel tecnolóxico, a nivel xurídico… non é colgar uns vídeos en You Tube e xa está.
OB -Tiveron a industria do cinema galego e mais os festivais de cine contactos con alcaldías, como por exemplo a nosa, en Vigo, para achegar axudas e medidas específicas para o cinema? Respecto a Cans, cal é a postura do concello respecto ao festival?
AP -Estes encontros con concellos son coordinados por Proxecta. O concello de Vigo non está convocado porque ata o de agora os festivais vigueses non estaban asociados. Primavera do Cine ou Festival de Cine Inclusivo de Vigo ou o de Cinema submarino… desde Proxecta gustaríanos que se incorporasen e temos contactos ao respecto. E de feito algún festival vigués si que está interesado. Pero é certo que hai moitos modelos de festivais. Os que van por libre como o de Ourense, ou que dependen dun Consorcio… Por suposto á coordinadora encantaríalle que todos eles entrasen en Proxecta. O Galician Freaky Film Festival e Cine Inclusivo, por exemplo amosaron interese respecto diso, e nós estariamos encantados!
Doutra banda e como te comentaba antes, si falamos con Deputación de Pontevedra, que tívonos esquecidos, totalmente, ata o de agora, pero Deputación comezou a interesarse, reunímonos con Carmela Silva, e adquiriu compromisos como un selo de festivais de Pontevedra co selo Rías Baixas… E ademais colabora para empezar coordinando as medidas de sanidade. Carmela Silva deu a súa palabra de axuda con máquinas de desinfección, máscaras… Isto xa sería unha axuda importante. Tanto isto como o tema de converter os festivais a modelos en liña, que falabamos antes. Tamén logramos activar, con Deputación, un proceso de concorrencia competitiva, un proceso administrativo que escude aos festivais, que é algo moi importante.
En definitiva, Deputación está a ser unha axuda, a crise serviu para achegarnos, si.
OB -O cinema é indubidablemente un motor económico e un dos principais medios de lecer… Cans é un festival moi querido, popular e identitario, tiveches “ feedback” do público do festival?
AP -Si, si, moitas palabras de ánimo sobre todo de profesionais e de público. E hei de recoñecer que de institucións tamén, e a pesar de que ás veces non nos levamos moi ben a que máis se preocupou foi a Xunta de Galicia. Agadic en concreto, así como despois no tema do Xacobeo enganáronnos, hai que recoñecer que manifestaron a súa preocupación.
Respecto ao festival de Cans, eu vivo en París pero falo a miúdo cos veciños e veciñas de Cans. Sobre todo cos maiores, un labor un pouco de teléfono de apoio nestes días. E é incrible porque neste contexto que estamos a pasar non estaban preocupados por se se facía o festival e a xente, o público, ía ás súas casas, os popsibles contaxios, a saúde, a seguridade… non, a prioridade era o que pasaría co festival, con desexos de que se faga, tanto nun sentido emotivo como de que é bo para a comarca. Obviamente nós xamais poñeremos no máis mínimo perigo á veciñanza, pero ese sentimento de proximidade e afecto co festival da xente da comarca é impresionante, e agradézoo moitísimo.