O Festival Play-Doc inaugurouse este mércores pola tarde co concerto da artista lucense, Laura Lamontagne. Tras esta apertura, este xoves terá lugar a primeira sesión dedicada ao cinema producido en Galicia coa película ‘De Barrio’, dirixida por Xurxo Chirro, na que o cineasta reflexiona sobre a memoria e o seu propio recordo. Será ás 17.30 horas no Teatro Municipal.
Ás 20.30 horas chegará a quenda da proxección de curtametraxes realizadas polos veciños de Tui no obradoiro impartido por Eloy Domínguez Serén, ‘En Primeira Persoa’, un relato colectivo, nas que reflexionan sobre como a pandemia transformou o día a día da xente e o xeito de relacionarnos coa nosa contorna.
Durante esta sesión os habitantes de Tui poderán gozar dos traballos dos seus veciños e da súa visión sobre a situación actual. Tras esta proxección, o Colectivo Límites, nacido durante o confinamento e formado por artistas de distintas disciplinas, presenta en directo unha actuación que combina a videocreación experimental con coreografías musicais, danza contemporánea e artes plásticas. Unha posta en escena que reflexiona sobre o concepto de corpo e o seu novo significado tras a pandemia.
Ás 22.30 horas, tamén no Teatro Municipal, chegará a segunda proxección da sección Panorama Galicia, Dorothé na Vila, dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío sobre a procura da identidade a través das tradicións máis ancestrais de Galicia. Tras a proxección o público poderá gozar dun coloquio cos seus directores.