Centrada eminentemente na folga de Vigo, a película iníciase cos dramáticos feitos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e a inmediata resposta aos mesmos, en forma dunha folga que se prolongaría ao longo dunha semana nas principais factorías viguesas.
Seis meses máis tarde, o sábado 9 de setembro, o paro dos traballadores da factoría Citroën esixindo unha redución de xornada que lles permitiría non ter que traballar o sábado á tarde foi contestado por parte da dirección da empresa co despido fulminante de cinco deles.
Ese mesmo fin de semana nunha asemblea dos dirixentes das principais factorías viguesas decidíase facer un chamamento á folga aos traballadores de Citroën e demais empresas da bisbarra esixindo a readmisión dos despedidos.
Foi o inicio dunha folga histórica, na que máis de trinta mil obreiros conseguirían ao longo de dúas semanas poñer en xaque ao réxime, convertendo a Vigo nun centro informativo a nivel estatal e internacional.
O prezo: centos de detidos, moitos deles sometidos a malos tratos e mesmo torturas e un número de despedimentos que no momento álxido do proceso chegou a superar os cinco mil traballadores, para situarse finalmente nuns douscentos. Unidos aos feitos de Ferrol en Marzo, a folga de Vigo situaba a Galicia á altura do 72 á vangarda da loita antifranquista.
A través dunha estrutura narrativa en forma de crónica diaria dos feitos e na que se intercalan declaracións, imaxes e documentos de arquivo e dramatizacións, ‘Vigo 1972’ reconstrúe os feitos da que foi a maior folga xeral da historia de Galicia, fuxindo dun enfoque meramente divulgativo, para mergullar ao espectador unha narración rigorosa pero trepidante, chea de momentos de tensión, cambios no “tempo” e secuencias de profunda emotividade.
A estrea deste venres na cidade olívica terá como aliciente a presencia na mesma do director do filme, Roi Cagiao, e do produtor executivo do mesmo, Emilio J. Fernández, que realizarán unha breve presentación da película, de 62 minutos de duración. Despois da proxección haberá un coloquio co público, no que tamén participarán algúns dos protagonistas do filme. A cita é ás 20:00 horas nos Multicines Norte.
“Consideramos que o filme vai máis alá do didáctico e logra atrapar e conmover ao espectador na narración duns feitos que foron probablemente os máis importantes sucedidos na cidade na segunda metade do século XX, e están aínda presentes no subconsciente colectivo de boa parte da cidade” explica o director Roi Cagiao. “Por todo isto, esperamos unha boa acollida da película especialmente en Vigo e que haxa unha asistencia importante ao cine para vela o tempo que esté en cartel, que esperamos sexa moito”.
‘Vigo 1972’ conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Foro pola Memoria de Galicia o Festival Primavera do Cine, a Unión Comarcal de Vigo de CCOO, a Asemblea Republicana e a ferrolá Asociación Cultural ferrolá Fuco Buxán.