Cun coloquio coa montadora, directora e videoartista Julia Juániz comezou este venres, 4 de setembro, a terceira xornada do Festival de Cans 2020 –ás 10.00 horas, no Baixo de Carlos-. Julia Juániz, que foi a montadora de máis de 50 longametraxes con directores da talla de Carlos Saura, Basilio Matín Patino, ou Víctor Erice, abriu unha xornada na que tamén se entregarán os premios de honra do certame e na que se estrean dous documentais de factura galega: un sobre a pianista, compositora e activista cultural Emma Pino, e outro sobre o propio certame: Cans16, asinado pola realizadora Isaura Docampo. A xornada remata coa Noite das Homenaxes.
A participación de Julia Juániz no XVII Festival de Cans enmárcase na sección ‘Cafés con CREA’, promovidos polo certame e máis a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA). Juániz ten no seu haber recoñecementos coma o premio do Festival de San Sebastián pola súa traxectoria.
A terceira xornada do certame segue co Roteiro Cinéfilo-Literario guiado polo polifacético escritor Carlos Meixide -10.30 horas; saída dende o Torreiro-. A actividade, deseñada polo tamén co-fundador do grupo Os da Ría para esta ocasión, ten un aforo limitado para 20 persoas con preinscrición, e hai días que xa están todas as prazas esgotadas.
O día de descubrir proxectos inéditos
Para as 13.00 e ás 16.30 horas deste venres están programadas no Baixo de Carlos dúas das seccións que máis interese espertan no Festival de Cans. Na sección ‘A que andas?’, destacados directores de Galicia presentarán proxectos nos que están traballando pero que aínda se atopan nunha fase inicial de desenvolvemento. Esta actividade desenvólvese da man da Asociación Galega de Guionistas. Participan Rubén Coca, Manane Rodríguez, Anxos Zafáns, Hugo Amoedo, Ángel Santos e Ángel Filgueira.
Ás 16.30 horas, e tamén no Baixo de Carlos, chega a quenda de cineastas que presentarán as primeiras imaxes inéditas dos seus filmes que aínda están pendentes de estrea. Serán na sección Fillxs de Cans, na que estarán presentes Alfonso Zarauza, Andrés Sanjurjo, Xabier Bermúdez, Chelo Loureiro e César Souto.
Cans reivindica a figura de Enma Pino, co documental de Area Erina
Coa tardiña, volven as proxeccións. Primeiro coa estrea do documental Emma Pino, de Area Erina, sobre a pianista, compositora e activista cultural que da nome ao filme. Ademais da súa ampla traxectoria na música, Enma Pino (Tui 1958-Vigo 2014) participou activamente en colectivos de creación de diferentes disciplinas artísticas, coma Rompente ou Atlántica, e formou parte de grupos da movida como Bromea o que? Proxéctase ás 18.30 horas no Baixo de Carlos.
A segunda das estreas do día é a da nova sección do Festival Directrices. Con ela, Cans promove dende este ano a exhibición de películas dirixidas por actrices e actores. Proxectaranse tres curtametraxes nunha sesión –ás 20 horas, Baixo de Carlos-, na que estarán presentes intérpretes que buscan un novo camiño na dirección. Trátase de Antonio Mourelos, Monti Castiñeiras, Marta Larralde, Fernando Tato, Ozo Perozo.
Concerto e Noite das Homenaxes
Con concerto de Amaro Ferreiro chega a música, no Festival de Cans, ao Espazo Estrella Galicia da Leiroado Río, que este ano funciona por vez primeira coma sede do certame. Será ás 21.00 horas. E, para cando remate, comeza no mesmo espazo a Noite das Homenaxes, na que cada ano Cans entrega os seus premios de honra. Ademais, este ano estréase na Noite das Homenaxes o documental Cans16, da realizadora galega Isaura Docampo.
Logo das proxeccións chegan as homenaxes. Este ano, a asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra do certame, o Premio Pedigree, á directora Manane Rodríguez. Os Chimpíns de Prata Pepe Puime irán para a actriz e profesora Mariana Carballal e á coordinadora médica do Festival de Cans Merchi Sánchez. A relación de distincións complétaa o Chimpín de Prata Divina Campos para os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.