O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio nesta aldea de O Porriño, contará na súa sección competiviva Furacáns cun total de dez curtametraxes, das cales a metade serán estreas absolutas e un 40% das mesmas están dirixidas por mulleres cineastas.
Furacáns, a sección adicada ás obras de non ficción, converteuse nos últimos anos nunha competición vibrante e nun escaparate do cinema feito en Galicia que asume maiores riscos narrativos.
Diferentes xeitos de achegarse a temáticas como a memoria, o despoboamento ou a soedade están presentes nestas obras, moitas delas dirixidas por cineastas galegos en diversas partes do mundo, que van de Cuba a Indonesia, pasando por Inglaterra ou Bélxica e que teñen pasado por importantes festivais internacionais.
Tamén hai obras de cineastas estranxeiros residentes en Galicia, como o xove cineasta americano Andrew Frinkielman, que estreará en Cans a súa curta «The death of the last francoist mayor» (A morte do último alcalde franquista) que dirixe xunto á francesa tamén afincada en Galicia Lola Sounigo. Trátase dun singular ensaio fílmico realizado durante o enterro de Senén Pousa, considerado último alcalde que ensalzaba publicamente a Franco. Ademáis desta curta, outras catro obras terán a súa estrea absoluta nesta sección. Outra delas será «Vivir Cantando», unha interesante reflexión sobre a memoria filmada, dirixida polo cineasta da Mariña Lázaro Louzao, e que supón a súa nova obra despois de ter dirixido a longametraxe «Nove de Novembro», considerada a primeira película de temática LGTBI feita en galego.
Entre as estreas desta edición tamén estarán «Lo íntimo», unha obra rodada en Indonesia que mestura as reflexións da viaxe con reflexións íntimas, dirixida por Sara Horta e Susana Sotelo. Esta última xa se estreara anteriormente na longametraxe co filme «Querida Gina». A cineasta Silvia Muíña, que xa competira anteriormente nesta sección, estreará en Cans «Yvonne, the power of words» (Yvonne, o poder das palabras), unha curta impactante rodada en Inglaterra sobre unha poeta que leva vinte anos encamada, sobrevivindo entre a frustración e as ganas de vivir, e á que a cineasta asistiu como coidadora persoal.
Por último, outra das estreas será «Aínda hoxe as horas», da cineasta de A Lima Miriam Opazo, cuxo anterior traballo «Ningún Deus», recibira o pasado ano en Cans unha Mención Especial.
Dous cineastas experimentados, que xa gañaron en edicións anteriores en Cans, estarán tamén coas súas novas obras na sección Furacáns. Hugo Amoedo, gañador nesta sección en 2018, competirá con «Abrir caixas, pechar caixas», curta na que afonda na idea do retorno, a partir da figura do escritor Xavier Queipo e despois de varias décadas instalado en Bruxelas.
Pola súa parte, Xacio Baño competirá con «Platónico, Platónica», unha reflexión singular sobre o amor e a Intelixencia Artificial, que estivo seleccionada no último Festival de Málaga. Neste importante festival tamén estivo seleccionado o filme «Corre o vento», dos xovencísimos Guillermo Carrera e Paula Fuentes, un crúo retrato sobre o envellecemento e o despoboamento nunha aldea do Courel.
Outros dos cineastas emerxentes que competirán na sección serán Daniel Pérez Silva e Arturo Franco. O primeiro mostrará en Cans «Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa», unha obra na que o autor tira do fío da memoria fílmica para afondar nas diferencias familiares. Mentres, Arturo Franco chega co seu impactante filme debú, «El Custodio», rodado en Cuba e que afonda na historia dun home solitario, encargada de custodiar un vello aeroporto abandonado. O filme tamén competirá este mes no Festival Internacional de Guadalajara, en México, un dos máis relevantes de Latinoamérica.
Entradas
O Festival está moi satisfeito do ritmo de venda de entradas. A oferta de packs de lanzamento de camisola e entradas esgotouse antes do previsto. Nestes momentos están á venda as entradas individuais para as sesións de mañá e tarde das sección de Furacáns e Ficción e animación. Apenas quedan 40 entradas para esgotar o cupo de tarde, do mesmo xeito que quedan poucas entradas para os concertos do Invernadoiro de Susana Seivane e Su Garrido Pombo, un dos espazos máis emblemáticos do festival.
Todas as entradas disponibles para as diversas sesións e para os concertos do Invernadoiro, están disponibles na web mentres que o resto das actividades do Festival de Cans son gratuitas ata completar o aforo de cada espazo.
Sección oficial: Furacans (non ficción)
- Bloque 1
- THE DEATH OF THE LAST FRANCOIST MAYOR (A morte do último alcalde Franquista)
2024 | 4’45» | España | Galego | Estrea absoluta
Dirección e producción: Andrew Finkelman e Lola Sounigo - CORRE O VENTO
2023 | 29′ 57» | España | Galego | Estrea en Galicia
Dirección, guion e montaxe: Paula Fuentes e Guillermo Carrera - YVONNE, THE POWER OF WORDS (Yvonne, o poder das palabras)
2023 | 9′ | España | Galego | Estrea en España
Dirección, guion, produción, fotografía e montaxe: Silvia Muiña - PLATÓNICO, PLATÓNICA
2024 | 9’20» | España | Galego
Dirección, guion e montaxe: Xacio Baño - VIAXAR AOS TEUS RECORDOS É BUSCAR PELEXA
2023 | 19’30» | España | Galego | Estrea en Galicia
Dirección, guion, producción, fotografía e montaxe: Daniel Pérez Silva
- Bloque 2
- EL CUSTODIO
2023 | 19’40» | España, Cuba | Español, Yoruba | Subtítulos en castelán
Dirección e guion: Arturo - AÍNDA HOXE AS HORAS
2023 | 9’57» | España | Galego | Estrea absoluta
Dirección , producción, guion, fotografía e montaxe: Miriam Opazo - PECHAR CAIXAS, ABRIR CAIXAS
2024 | 17’54» | España | Castelán
Dirección, fotografía e montaxe: Hugo Amoedo - LO ÍNTIMO
2024 | 8′ | España | Español | Estrea absoluta
Dirección: Sara Horta e Susana Sotelo - VOLVER CANTANDO
2024 | 15’34» | España | Galego | Estrea absoluta
Dirección, producción, guion e montaxe: Lázaro Louzao