O Festival Internacional de Cinema Play-Doc celebrarase na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, despois de ter que pospoñer a súa décimo sexta edición por mor da crise sanitaria. A organización do certame está a traballar, xunto co Concello, no deseño dunha edición especial e diferente que garanta a seguridade do público, dos invitados e do propio equipo, facéndoo compatible co pleno goce da programación e as actividades que terán lugar este ano.
Nesta ocasión, como novidade, o festival tamén se poderá gozar dende casa, pois parte dos seus contidos estarán dispoñibles online, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cinema en streaming por excelencia en España.
Ademais, a organización presentará unha edición adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade requiridos en cada momento, para iso, nesta ocasión, o festival pretende achegarse máis ao público, saír á rúa, e facer que parte da súa programación tamén se poida gozar en diferentes localizacións da cidade fronteiriza.
O Teatro Municipal seguirá sendo o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles.
Ao longo destes dezaseis anos, Play-Doc converteuse nun lugar para o encontro de novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema como Albert Maysles, Bruce Weber ou Artavazd Pelesjan, así como cineastas de culto, esquecidos, censurados ou descoñecidos como Kidlat Tahimik, Charles Burnett ou Peter Emanuel Goldman, entre outros.
Esta XVI edición de Play-Doc celébrase por primeira vez baixo a marca creada pola Deputación de Pontevedra, Rias Baixas Film Fest, que aglutina e fortalece os principais festivais audiovisuais da provincia.