Unha das novidades da edición deste ano do festival Play-Doc, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro en Tui, será o seu carácter híbrido, xa que ademais de contar coa súa sede habitual na localidade pontevedresa, o evento poderá gozarse en liña a través de Filmin, unha das plataformas máis importantes de cinema baixo demanda, accesible desde todo o territorio español.
O festival pretende expandir así o alcance da súa programación nunha edición que inevitablemente contará con algunhas restricións de asistencia e aforo debido aos protocolos de seguridade que impón a crise sanitaria. É por iso que Play-Doc entende esta opción online como un complemento necesario a un novo modelo de festival e unha alternativa para poder gozar do certame desde casa. Todas as películas estarán dispoñibles sen custo engadido para os subscritores de Filmin.
As películas que conformarán a selección para a plataforma, e que estarán dispoñibles do 18 ao 27 de setembro, inclúen varios títulos deste ano da sección a competición de entre as que destaca ‘Nunca subí el Provincia’ (2019) do recoñecido cineasta chileno Ignacio Agüero e que terá a súa estrea española no festival. Da sección panorama Galicia, que ocupa sempre unha boa parte da programación de Play-Doc, incluímos tamén unha selección de longas e curtos, entre os que destacan ‘De barrio’ (2019) de Xurxo Chirro ou ‘Those that, at a distance resemble another’ (2019), de Jessica Sarah Rinland.
Tamén se poderá acceder a unha selección das películas máis representativas que pasaron polo festival, como a mítica ‘On the Bowery’ (1956, Lionel Rogosin) nomeada ao Premio Oscar ao mellor documental e gañadora do premio no festival de Venecia de 1956 nese mesmo ano, ‘And When I Die I Won’ t Stay Dead’ (2015, Billy Woodberry) sobre a vida de Bob Kaufman, considerado o Rimbaud americano, ou ‘Faro do Caos’ (1983, Wolf Eckart- Bühler) unha estremecedora e soberbia entrevista á estrela de Hollywood, escritor, heroe de guerra, mariño e delator Sterling Hayden.
A impronta de calidade de Play-Doc: as retrospectivas
Les Blank, Ozualdo Candeias, Ross McElwee, Dominic Gagnon o Lech Kowalski son algúns dos nomes que o festival elixiu para a súa proposta en Filmin, cineastas aos que Play-Doc dedicou homenaxes. E é que o punto forte do festival foron sempre as súas retrospectivas, na súa inmensa maioría primeiras retrospectivas en España, sendo algunhas das primeiras retrospectivas europeas e algunhas delas mesmo primeiras retrospectivas internacionais.
Por Play-Doc xa pasaron cineastas lendarios como o norteamericano Albert Maysles (dos irmáns Maysles), o armenio Artavazd Pelesjan, o filipino Kidlat Tahimik ou o afroamericano Charles Burnett. Tamén os mundialmente aclamados Claire Simon, Ross McElwee, Raymond Depardon, Victor Kossakovsky, Ruth Beckermann, Marcel Lozinski, Lech Kowalski ou o celebre fotógrafo e realizador Bruce Weber. Pero ademais destes nomes sobresalientes na historia do cinema documental, o festival esforzouse por recuperar, redescubrir e reivindicar a obra de moitos directores censurados, esquecidos, malditos ou descoñecidos, como o cubano Nicolás Guillén Landrián, o polaco Bogdan Dziworski, o norteamericano Peter Emanuel Goldman, o francocanadiense Dominic Gagnon ou os brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias. Play-Doc ofrece así unha excelente oportunidade para volver gozar ou descubrir verdadeiras marabillas do cinema documental.