O Festival Primavera do Cine de Vigo queda definitivamente aprazada e ten xa nova data. Os organizadores comunicaron este martes que a celebración da 9º edición, inicialmente programada para a segunda semana de maio, será finalmente do 15 ao 20 de setembro. A decisión, aclaran, que en calquera caso pendente das recomendacións e obrigas propostas polas autoridades sanitarias e as administracións competentes. «A seguridade de público, cineastas e persoas convidadas será sempre o primeiro para nós», sinalan.
«Queremos aproveitar para expresar o noso agradecemento a todas e todos os cineastas participantes, as grandes calidades dos traballos recibidos supoñen os mellores azos para seguir traballando coa maior das ilusións nesta edición», sinala a organización nun comunicado.
Ademais, aproveitan a oportunidade para amosar o cartaz da nova edición (aquí podedes ver e descargar), unha imaxe creada pola deseñadora María Llauger, quen xa leva catro edicións embelecendo a gráfica do festival. «Agardamos que vos transmita a mesma ledicia e amor cara o cine que a nós», sinalan.
Por último, os organizadores manifestan a solidariedade coas vítimas do Covid-19, coas súas familias e a súa xente máis próxima; tamén o agradecemento a «todas aquelas persoas que traballan cada día para que o mundo, malia todo, continúe xirando».
«Cando todo isto remate teremos moito que celebrar e, logo de abrazar a nosa xente (aínda que sexa mantendo a distancia de seguridade), deberemos tomar as rúas e dar o mellor de nós para colaborar na medida das nosas posibilidades na reconstrución de todo ese tecido local e social que agora mesmo está tan abafado», conclúen.