A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo abre este venres, 19 de maio, o prazo de recepción de películas, que durará ata o 30 de xuño. A convocatoria vai destinada a obras de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip; e tamén a curtametraxes e longametraxes de países das áreas lusófonas.
Os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2021. Para inscribirse, as produtoras ou cineastas interesados deberán facelo a través da web do certame, que se celebrará na cidade olívica do 5 ao 10 de setembro.
As proxeccións da sección oficial sometida a premio de público e de xurado terán lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e, no caso das curtametraxes, no Museo de Arte Contemporánea (Marco); estas veñen sendo as principais sedes do festival en toda a súa traxectoria.
Son doce anos xa os que leva este evento traendo a Vigo o máis salientable da cinematografía galega e tamén, dende a súa cuarta edición, dando a coñecer as cinematografías da lusofonía (Portugal, Brasil, Angola…) a través de títulos de referencia internacional, moitos deles estrea en Galicia e en España.
A organización destaca que elaborará unha programación de alta calidade, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega. Buscarase ofrecer títulos moi variados en canto a xéneros cinematográficos e propostas estéticas, que resulten atractivas para os espectadores e onde unha boa parte da programación estea ligada ao compromiso social e aos valores humanos.
Tamén se fará un esforzo específico na organización de actividades paralelas que enriquezan o evento máis alá das proxeccións e que cheguen a un público o máis variado e numeroso posible: desde actividades destinadas ao público infantil ata charlas e obradoiros para estudantes e profesionais do sector audiovisual.