A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo abre o prazo de recepción de películas que durará dende este mércores 24 de febreiro ata o vindeiro 30 de abril. A convocatoria vai destinada a películas de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip; e tamén a curtametraxes e longametraxes de países das áreas lusófonas. Os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2019. Para inscribirse, as produtoras ou cineastas interesados deberán facelo a través da web primaveradocine.com.
O festival celebrarase no mes de setembro, como tamén o farán algún dos principais certames cinematográficos da provincia de Pontevedra formando así un circuíto que comezará co Festival de Cans, continuará co Primavera do Cine e seguirá co FIC Bueu e Play-Doc. As proxeccións da sección oficial sometida a premio de público e de xurado terán lugar no Auditorio Municipal do Concello e, no caso das curtametraxes, no museo MARCO; estas veñen sendo as principais sedes do festival en toda a súa traxectoria.
Son dez anos xa os que leva este evento traendo a Vigo o máis salientable da cinematografía galega e tamén, dende a súa cuarta edición, dando a coñecer as cinematografías da lusofonía (Portugal, Brasil, Angola…) a través de títulos de referencia internacional, moitos deles estrea en Galicia e en España.
A organización destaca que elaborará unha programación de alta calidade, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega. Buscarase ofrecer títulos moi variados en canto a xéneros cinematográficos e propostas estéticas, que resulten atractivas para os espectadores e onde unha boa parte da programación estea ligada ao compromiso social e aos valores humanos.
Tamén se fará un esforzo específico na organización de actividades paralelas que enriquezan o evento máis alá das proxeccións e que cheguen a un público o máis variado e numeroso posible.
Unha das primeiras novidades que avanza a organización do evento é a creación dunha sección de curtametraxes infantís dirixida ao público máis novo. Esta sección estará sometida a un premio concedido por un xurado composto por nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.