Comeza a duodécima edición do Festival Primavera do Cine. O certame cinematográfico decano de Vigo celebrarase entre os días 5 e 10 de setembro. A programación, centrada en filmes galegos e da lusofonía, contará tamén cunha oferta de actividades paralelas gratuítas.
O evento terá lugar nas súas sedes habituais: o Auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camões e o Museo de Arte Contemporánea. Nestes emprazamentos veranse as longametraxes e as curtas que están aglutinadas nas seccións Céu em fogo, Charneca em flor, Denuncia do equilibrio e As moradías do vento.
Curtametraxes
A organización do festival quere destacar a variedade da programación, que vexe reflexada na selección de curtametraxes que abranguen xéneros moi diversos: ficción, documental, animación e cinema experimental.
A sección oficial conta con traballos de cineastas de longa traxectoria especializados no xénero da curtametraxe de ficción como Nani Matos, Alba Pino ou Fernando Tato.
O documental terá tamén un espazo preferente con curtametraxes que interpretan o xénero desde diversas perspectivas. Haberá presenza de filmes de temática político-social, indispensable na programación do Primavera do Cine desde a súa primeira edición. Serán estrea en España as curtas brasileiras ‘Coleção antirracista: o mito da democracioa racial’, de Val Gomes, e ‘Pedro e Inácio’, de Caio Dornelas.
Proxectaranse tamén documentais de vangarda, como os traballos de nacionalidade portuguesa ‘Ultimate Bliss’ e ‘Luana’, esta última premiada no prestixioso festival DocLisboa.
Tamén serán proxectados documentais de cineastas que contan na súa traxectoria con nominacións aos premios Goya como Paula Iglesias ou Guillermo de Oliveira, gañador do galardón.
O cinema de animación estará representado por dous cineastas de prestixio: Lula Gonzaga, un dos grandes veteranos da animación brasileira, pioneiro nos anos setenta do cinema pernambucano. E o galego David Fidalgo, nominado aos premios Goya.
O festival segue a apostar tamén polo cinema experimental coa proxección de obras de cineastas de amplo percorrido neste ámbito como o brasileiro Mateus Rosa e a galega Carla Andrade.
Longametraxes
Na sección oficial de longametraxes haberá dúas estreas de carácter internacional: ‘Meu amigo Lorenzo’, de André Luiz Oliveira e ‘De verdade queredes saber o que pensamos?’, de Cris Lores.
André Luiz Oliveira é un clásico da cinematografía brasileira con máis de cincuenta anos de traxectoria, considerado unha icona do cinema marxinal desde finais dos anos sesenta e premiado en múltiples festivais.
Cris Lores é un dos representantes máis destacados do novo Cinema Galego na súa vertente experimental. A súa obra é accesible unicamente en circuítos reducidos e polo tanto, a organización do Primavera do Cine, en verbas do seu director Alfonso Castaño, considera “un verdadeiro luxo e unha oportunidade única poder ver unha longametraxe súa”.
A sección oficial de longametraxes complétase con ‘Liña de fuga’, de Marta Blanco, un proxecto formalizado no Festival Linha de fuga de Coimbra que tamén aborda un discurso de vangarda, á marxe dos convencionalismos cinematográficos, e ‘10 de marzo’, de Roi Cagiao: un documental que compón un díptico coa exitosa ‘Vigo 1972’ para analizar as folgas obreiras e os procesos políticos e sindicais que desembocaron no fin do réxime franquista.
Os filmes en sección oficial competirán por un premio do público e no caso das longametraxes por un premio do xurado, composto este ano por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación.
Actividades paralelas
Dentro das actividades que complementan a programación do festival ofrecerase unha conferencia impartida pola cineasta e investigadora Adriana Páramo: ‘A representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego’, que terá lugar o venres 8 ás 19.00 horas.
Por outra banda, o obradoiro de cinema expandido Proxecto Remolque coordinado por Cris Lores e Belén Veleiro: unha actividade de manipulación de celuloide en 35 mm apto para nenos e adultos (o domingo 10 ás 17.00 horas).
Para inscribirse en calquera das actividades, só é preciso enviar un correo electrónico á conta primaveradocine@gmail.com. As prazas son limitadas e o acceso é gratuíto.
No contexto da gala de clausura (domingo 10 ás 20.00 horas) ofrecerase un concerto do compositor e intérprete Oswaldo Oro e a estrea da curtametraxe Carmen, do cineasta vigués Fernando Cornide.
Os prezos
Co obxectivo de continuar sendo accesible a toda a cidadanía, os prezos non varían: por unha banda, o acceso ás funcións de longametraxes terá un custo de 4 euros; por outra banda, as sesións de curtas e videoclips terán un prezo de 3 euros; os obradoiros, a cerimonia de clausura e as proxeccións realizadas no Instituto Camões serán de entrada gratuíta.