A pesares da gran paralización que están a sufrir a meirande parte das actividades culturais a causa da pandemia, a organización do festival vigués Galician Freaky Film Festival (GFFF) lanza unha convocatoria para todos os creadores audiovisuais, tanto afeccionados como profesionais, co fin de que poñan en forma o seu músculo creativo.
Para iso activa o concurso ‘Curta ou Susto’, no que se poderá participar ata o 30 de maio con obras dun máximo de trinta segundos (sen ter en conta a duración dos créditos finais) nos que se transmita calquera sensación que produza un forte arrepío nos espectadores.
Para facer chegar á organización os traballos haberá que utilizar as redes sociais. Os participantes terán que publicar o seu vídeo incrustado nas súas propias contas de Facebook, Instagram ou Twitter, seguir nesa mesma rede ao GFFF, utilizar o hashtag #CurtaOuSusto e ademais etiquetar ao festival. Pódense consultar as bases completas na web do certame.
Os mellores traballos proxectaranse na ‘#3 edition’ do Galician Freaky Film Festival que polo momento mantén as datas iniciais e vaise celebrar do 28 ao 31 de outubro de 2020.