Desde o 18 de xaneiro ata o 12 de xuño o Galician Freaky Film Festival abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa sétima edición, que se celebrará os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo.
A inscrición é gratuíta é pode facerse a través do formulario dispoñible na súa web, ou a plataforma Festhome. No 2022, o GFFF recibiu preto de 650 filmes dos cinco continentes, cos que construiu unha sorprendente escolma do máis destacado do audiovisual freak.
A convocatoria que lanza o Galician Freaky Film Festival cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2021 ou despois. Só se admiten curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.
Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai dous anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar o público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da sétima edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre o 22 e o 30 de setembro, tanto presencial como online, e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Esta será a primeira edición na que os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame (Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks) reciban un premio en metálico de 200€, ademais da característica estatuíña do Dinoseto decapitado.
Vigo, capital do frikismo
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.
O GFFF ten todos os ingredientes para converter a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.