Este xoves quedou aberto o prazo para inscribir traballos audiovisuais na nova edición do Galician Freaky Film Fest que volverá coa súa festa de vampiros, monstros, bechos, naves espaciais, mortos viventes e tódolos subxéneros imaxinables que conforman o fascinante mundo do cinema de serie B e o mundo ’freak’.
«O ano pasado non cabía máis xente na sala» – comentou entusiasmado Juan de Castro, director do certame – «por iso nesta edición aumentamos un día máis o festival». Así, o GFFF 2020, ampliará a súa proposta ata levala a catro xornadas que arrincarán o 28 de outubro e chegarán ata a mesma noite de Samaín, o 31 de outubro.
Por suposto, o espírito do certame mantén os seus pilares fundamentais. Pezas dos xéneros máis clásicos do mundo ‘frea’k, exposicións, ‘performances’, concertos, cervexa e unha Sala Videodrome que se converterá un ano máis no perfecto espazo para albergar o que xa é unha cita imprescindible para os amantes do gore, das tramas máis incribles e do rural freak galego. «Non se trata só de ver as pelis» – relata de Castro – «sempre intentamos que o feito de achegarse ata a Videodrome sexa unha experiencia ‘freak’ completa».
Se o ano pasado, foron máis de 200 as películas que se enviaron para participar no festival e chegaron dende todas as partes do mundo, este ano a organización pretende superar esa cifra. «Recibimos traballos dende USA, Francia, Irán, Países Baixos» – engadiu Miriam P. Álvarez, encargada da produción do evento – «e ademais de moitísima calidade, por iso queremos ver que acontece se abrimos antes o prazo de recepción de traballos».
Todos aqueles interesados en enviar os seus proxectos para seren seleccionados, poden consultar as bases na páxina web do GFFF e poderán facer a inscrición dende hoxe ata o vindeiro 27 de xuño a través de diferentes plataformas coma Movibeta, Clickforfestival, Clermont Ferrand ou o formulario propio na web do Galician Freaky Film Festival.
Os organizadores anuncian sorpresas e, por enriba de todo, unha xenuína festa ó máis puro estilo friki.
O festival
Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de «completo» en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.
Cabe destacar que na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de asistentes, superando o millar de persoas. Algo que demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.
O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o ‘opening’ de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do ‘Vengador Tóxico’ no videoclube.