O Galician Freaky Film Festival pechou este 30 de xuño o prazo de recepción de pezas audiovisuais para a súa quinta edición, que se celebrará do 29 de setembro ao 2 de outubro deste ano. Durante o seu lustro de andaina, o festival de cinema underground de Vigo viu incrementado anualmente o número de pezas inscritas para formar parte da sección oficial do certame, indicativo do seu crecente posicionamento no circuíto cinéfilo a escala internacional.
Os 677 filmes recibidos supoñen un novo récord para o certame. Os traballos encádranse dentro dos xéneros de terror, fantasía, ciencia ficción ou gore e foron producidos entre 2019 e 2021. A organización destaca a diversa procedencia do material recibido: un 23% procede de América, o 17% de Oceanía, máis do 12% de países europeos e o 7% de Asia. Entre os pasaportes dos seus directores atopamos países como Rusia, China, Austria, Países Baixos, Brasil, Perú, Alemaña e India. É preciso destacar que o GFFF adoita traducir e subtitular en galego os filmes internacionais que proxecta.
Alén das pezas internacionais, un 17% das producións recibidas son galegas, un dato que tamén medra respecto a anos anteriores e que dá conta da puxanza do sector audiovisual no noso país. O GFFF reserva cada ano unha parte da súa programación para amosar estas pezas de proximidade, como xesto de apoio e compromiso coa canteira de realizadores galegos.
O equipo de programación verá o material para dar forma a sección oficial, que estará composta por preto de 60 pezas, a maior parte delas curtametraxes. Ademais dos filmes recibidos a través das tres plataformas e o seu propio formulario, a organización traballa tamén co catálogo do prestixioso Festival de Curtametraxes de Clemont-Ferrand (Francia), un dos certames de curtametraxes máis grandes e influíntes do mundo e do que ten acceso a máis de 8.000 traballos.
A gran novidade desta quinta edición é a celebración do Pequefreak, unha xornada para iniciar á cativada no gusto polo cinema alternativo e que contará cunha programación propia de traballos audiovisuais, divida por idades entre os 4 e os 15 anos. Tamén contará cunha actividade de realidade virtual e obradoiros freaks para nenas e nenos.