O Concello de Vigo abriu o período de inscrición para participar na nova temporada do curso de cine do Museo de Arte Contemporánea (MARCO), que se desenvolverá nun período de 12 sesións e distribuirá ao alumnado en dúas quendas para respectar o aforo máximo do salón de actos, que é de 34 persoas.
A primeira quenda comprende dende o 22 de outubro ao 18 de febreiro e a segunda desde o 23 de febreiro ata o 18 de maio, cando en anos anteriores o curso desenvolvíase desde outubro ata maio, sen necesidade de incorporar quendas.
Baixo o título ‘Eutopías. A procura do bo lugar no cinema’, o curso inclúe títulos como ‘Tempos Modernos’ de Charles Chaplin; ‘O Sur’ de Víctor Erice; ‘Que verde era o meu val’ de John Ford; ‘Robinson Crusoe’ de Luis Buñuel ou ‘Hacia rutas salvajes’ de Sean Penn. Con estes filmes o alumnado abordará algúns dos ‘bos lugares’ do cine: a natureza, a infancia, o futuro, o pasado, a memoria ou o vello novo mundo.
Ademais, o cine impregna Vigo desde este martes coa inauguración do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que proxectou ás 20:30 horas no Auditorio Municipal o filme ‘De chaque instant’ para dar comezo a esta nova edición do certame.