A quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo comeza este martes. Un dos eixos deste festival é traer a nosa cidade pezas audiovisuais que nos axuden a reflexionar de forma amena sobre a inclusión. Este ano, marcado pola crise da COVID-19 o festival quere homenaxear ao persoal sanitario e dos servizos sociais. Por ese motivo, o filme escollido para a inauguración é o documental De chaque instant do francés Nicholas Philibert. O pase terá lugar no Auditorio do Concello ás 20.30, nel o director galo achégase ao proceso de formación dun grupo de enfermeiras para coñecer os seus desexos e medos. A do francés será a única peza fóra de concurso de toda a programación do festival. Esta proxección faise en colaboración coa Alliance Française e o Institut française de Vigo.
Previamente, ás 17.00 horas, podemos ver Crip Camp: a disability revolution, un documental producido polos Obama e que forma parte do concurso de longos documentais do festival, VIG-IN-DOC. Esta peza conta a historia do campamento de verán para mozos con discapacidade organizado por hippies nas montañas de Catskills que foi o berce da loita pola igualdade dos dereitos civís.
O acceso a todas as proxeccións e gratuíto, pero deberá retirarse o convite na billeteira do auditorio que abrirá media hora antes da proxección de cada filme. Dada a actual situación sanitaria os aforos están limitados a un cuarto da capacidade e tomaranse todas as medidas precisas (redución de aforo, uso obrigatorio da máscara, puntos de desinfección a entrada e saída dos auditorios etc.) para crear un evento seguro.
Máis información sobre os filmes:
PELÍCULA INAUGURAL
Martes 13 de outubro ás 20:30 no Auditorio Municipal do Concello
De chaque instant / En todo momento
Francia / 2018 / 105’ / VOSE
Dirección: Nicolas Philibert
Fóra de concurso
Tras proxectarse nos festivais de Locarno, Montreal, Río ou Amsterdam, chega a Vigo o último traballo do respectado documentalista francés Nicolas Philibert, autor da popular Ser y tener (2002). Estando hospitalizado quedou sorprendido polo gran labor que realiza diariamente o persoal sanitario, polo que decidiu dedicar o seu último filme ao traballo de enfermeiros e enfermeiras. A proxección realízase en colaboración coa Alliance Française de Vigo e o Institut Française, e a ela asistirán asociacións e colexios de enfermeiros/as e médicos/as.
Matriculados en institutos de formación en enfermería, cada ano miles de estudantes (principalmente mulleres) empregarán o seu tempo entre clases, exercicios e prácticas. Un proceso difícil durante o cal deberán asimilar unha gran cantidade de coñecementos, dominar varias técnicas e prepararse para asumir duras responsabilidades.
VIG-IN-DOC
Martes, 13 de outubro. 17h. Auditorio Municipal do Concello de Vigo
Crip Camp (A Disability Revolution)
EEUU / 2020 / 108’ / VOSE
Dirección: James Lebrecht e Nicole Newnham
Este revolucionario campamento de verán animou a un grupo de mozos discapacitados a fundar o movemento que forxaría un novo camiño cara a unha maior igualdade. Barack e Michelle Obama son os produtores executivos deste estimulante documental sobre o activismo pioneiro, que trata sobre a experiencia emocional de atopar a túa comunidade e a ti mesmo por primeira vez. O poder de decatarse de que unha vida mellor é posible a través dos cambios sociais.
Crip Camp, gañadora do Premio do Público no Festival de Sundance, pretende dar voz a colectivos xeralmente silenciados e inspirarnos a poñer en práctica os conceptos de inclusión e accesibilidade no noso día a día.