Protagonizada por Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros, os dous primeiros estiveron na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do 15º Festival de Cans que tivo lugar na tenda de Nikis Galicia en Santiago de Compostela.
«Cans cumpre 15 primaveras e eu síntome moi vello porque xa estiven na primeira edición», bromeu Barato, recalcando a emoción que o equipo do filme sinte polo seu vínculo co festival. Alberto Rolán, pola súa parte, recalcou o carácter «xeracional» desta película que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. ‘A estación violenta’ terá en Cans a súa primeira grande proxección pública en Galicia, xusto antes da súa estrea comercial en salas prevista para o 31 maio.
O director do festival, Alfonso Pato, destacou que ‘British Winters’ comparte co filme de Fazáns ese carácter xeracional, ao ser «filmes con protagonistas buscando un oco vital, desnortados». A cinta que o tudense afincado en Gales Roque Cameselle co-dirixe co británico Andrew Turner é unha comedia social na que un mozo xa non tan mozo busca cambiar o seu estilo de vida inspirándose na súa irmá pequena.
Os dous directores estarán presentes en Cans para a que será a primeira proxección da película fóra do Reino Unido, un feito que Pato relacionou co proceso «tímido pero firme de internacionalización do festival, que complementa a aposta deste ano coa sección ExtraCans».
Completa a selección de longametraxes a estrea de ‘Sevilla y Gomorra’, outro filme de espírito xuvenil, dirixido polo redondelán Ángel Filgueira. Descrita como «a visión ebria dun presente atascado», é o resultado da vontade de Filgueira de capturar a extrañeza da Sevilla que coñeceu como estudante de intercambio e as reflexións dos «filósofos borrachos» que atopou alí.
Este espírito adolescente é precisamente común ao deseño que Nikis Galicia preparou para esta edición do festival, que se inspira na xuventude e os maios para celebrar estas «15 primaveras» de cine en Cans. David Blanco, responsable da marca, resaltou o fácil que resultou traballar co equipo do certame e adaptar a proposta inicial de reflexar a frescura, curiosidade e insolencia da mocidade. O resultado é un xogo floral que viste ao xa mítico can de Cans con xestas, camelias e margaritas debuxadas unha a unha.
Como broche final da presentación, o festival presentou a súa nova canción oficial, titulada ‘Cans e Cadelas’ e composta polo músico Magín Blanco, coñecido polos seus discos para público infantil como A nena e o grilo. Na gravación do tema o artista contou coa axuda de As Mosas e Carlos Blanco. Uxía Senlle, parte de As Mosas, acompañou a Magín esta mañá nunha interpretación do tema ante as persoas asistentes. O sábado 26 de maio volveremos escoitar ‘Cans e Cadelas’ na actuación de Magín Blanco no Parque do Río, que irá unida a unha retrospectiva dos seus videoclips.
Entradas da sección oficial
A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, explicou que a partir da semana que vén estarán xa dispoñibles na tenda virtual do festival as entradas para Furacáns (a competición de curtas de non-ficción) e os primeiros 500 packs de entradas para a Sección Oficial a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo.
Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda dende o martes 24 de abril ata o venres 4 de maio, e terán un prezo de 21,5 euros. As entradas para Furacáns, pola súa parte, costarán 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 26 de abril en tenda.festivaldecans.com e poderán retirarse no posto de merchandising do festival durante os días de celebración do certame.